A oitava edición de Nós tamén creamos! distingue as melloras curtas escolares en galego

Este mércores 28 de setembro celebrouse a entrega de premios do certame Nós tamén creamos!, que distingue cada ano as mellores curtas de animación en galego (e a prol do galego). O broche final desta edición do concurso (a décima convocatoria) celebrouse no Pazo de San Roque, en Santiago, coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que salientaron o principal obxectivo desta iniciativa de creación e dinamización lingüística: fomentar a presenza do galego en infantil e máis en primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) nas aulas.

Nós tamén creamos! vén da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia e OQO editora.

Valentín García felicitou e agradeceu “a todos os nenos e nenas participantes e ao seu profesorado pola gran calidade e resultado dos seus proxectos e o nivel de implicación nunha actividade xerada para impulsar o seu perfil máis creativo desde o audiovisual e a través do uso da nosa lingua”.

No acto tamén interviñeron Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Marta Fernández, xefa de Comunicación Corporativa e RSC da Corporación Radio e Televisión de Galicia e Borja Guerrero, responsábel da área audiovisual de OQO editora. Ao encontro asistiron 55 nenas e nenos dos centros gañadores e 10 docentes e acompañantes, sendo 65 persoas ás que se suman as coordinadoras territoriais dos EDLG.

Nesta edición participaron no programa, no marco do Plan Proxecta, 16 centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No certame, pola súa parte, participaron 24 centros públicos (16 de Proxecta e 8 de non incluídos en Proxecta).

Os galardóns entregados foron, na Categoría 1: 2º ciclo de educación infantil, para o proxecto Sopa verde, do CEIP Albeiros de Lugo. Na Categoría 2: 1º e 2º cursos de educación primaria, para O Camiño, do CEE Miño de Ourense e na Categoría 3: 3º e 4º cursos de educación primaria, para Un conto cheo de lobos, do CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada.

Para rematar, o músico infantil Paco Nogueiras ofreceu un concerto para todas as persoas asistentes.

As curtametraxes gañadoras

A curta Sopa verde, do CEIP Albeiros, foi creada a partir dun álbum ilustrado de Ángela Madeira con ilustracións de Till Charlier. Amósanos a historia dun coelliño ao que só lle gustaba o verde e rexeitaba os alimentos doutras fermosas cores, ata que o moucho resolve o problema facendo unha sopa moi gorentosa. Un filme en animación 2D co que a cativada se divirte aprendendo hábitos alimentarios, os nomes dos animais e das plantas, os sabores, as cores e os números.

A curta O Camiño, creada polo alumnado do CEE Miño, inspírase no conto de Marisa Núñez & Mariona Cabassa e amósanos as marabillas e as dificultades que atopamos ao longo do camiño. A verdadeira experiencia está no camiño mesmo, un camiño que é símbolo da viaxe da vida: cada treito, cada momento, cada tropezo e cada descubrimento. Unha curta en 2D cargada do mesmo lirismo da obra na que se inspira.

Un conto cheo de lobos, baseada na obra homónima do escritor Roberto Aliaga ilustrada por Roger Olmos, ten como protagonistas os lobos de todos os contos, que conviven xuntos neste libro e andan polas súas páxinas na procura de comida. Trátase dun labor que require a complicidade e interacción do público, nunha historia interminábel que cando remata volve comezar. Un filme moi colorido no que os rapaces e rapazas do CEIP Manuel Villar Paramá empregaron, neste caso, a técnica de animación en 3D.

As curtas premiadas e as do resto de participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da CRTVG.