A campaña da Mesa para esixir a forma correcta do “Foro La Toja” acadou 1.200 sinaturas en 24 horas

A Mesa pola Normalización Lingüística convocou mobilizacións presenciais e en liña para esixir que se respecte o topónimo de A Toxa na cuarta edición do foro que segundo indica a plataforma debera por lei levar a forma correcta e, porén, perpetúase co nome deturpado: o “Foro La Toja”. A concentración presencial será a próxima quinta feira (xoves) 29 de setembro, na entrada da ponte da illa, coincidindo coa celebración da cuarta convocatoria do evento, no que participan representacións de entidades públicas e privadas.

A entidade de defensa da lingua advirte de que “alén da presenza de cargos públicos internacionais, estatais e galegos, este foro conta cunha importante achega de diñeiro público, o que habería de obrigar a manter un maior nivel de exixencia e respecto pola lingua e cultura do lugar onde se vai desenvolver e garantir o cumprimento escrupuloso da lexislación”.

A Mesa iniciou tamén na Rede unha campaña que en menos de 24h superou as 1.200 sinaturas (e xa ía preto das 1.500 mentres se redactaba este artigo) na que denuncia “o uso público e reiterado das formas toponímicas deturpadas”, que a entidade considera “demostrativa do interese por eliminar calquera vestixio e mostra da presenza social da lingua propia de Galiza” e “da impunidade coa se actúa para contravir o indicado na lexislación a este respecto”. E engade a organización: “Resulta especialmente preocupante que este atentado contra a dignidade do pobo galego e da súa lingua e cultura teña apoio explícito de representantes de organismos e institucións cuxa primeira obriga é garantir o respecto pola lei, mesmo destinando fondos públicos á súa celebración”, abundan.

A entidade propón unha lectura pública do manifesto nos centros de ensino o mesmo día 29 pola mañá.