Un roteiro teatralizado pola Pobra pechará as homenaxes a García Martí promovidas pola Asociación de Periodistas de Santiago

18 Agosto 2022

Os actos reivindicativos da figura e do legado de Victoriano García Martí, un dos grandes referentes xornalísticos, literarios e culturais da Pobra (de onde era natural e tiña residencia) e da nosa comarca, seguen activos este verán. García Martí, fillo predilecto da vila do Caramiñal, protagonizará un roteiro teatralizado pola Pobra. Esta actividade pechará os actos de homenaxe ao escritor e xornalista promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago en colaboración co Concello.

As, novamente co apoio da Administración local pobrense e de diversas entidades coma o Ateneo de Santiago, organízase para o 27 de agosto un roteiro teatralizado por lugares do núcleo urbano do municipio vinculados á súa traxectoria vital e profesional, que se efectuará tras unha recepción institucional ás persoas asociadas á sociedade xornalística.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto co presidente da referida institución xornalística, Luis Menéndez, e a técnica do Museo Valle-Inclán pobrense, Araceli Abad, explicaron que o percorrido partirá dende o Consistorio, ás 12.30 horas, da man do actor Roberto Leal. Estará aberto a todo o público, sen necesidade de inscribirse con antelación.

Para facilitar o acceso da cidadanía compostelá a esta cita, a referida asociación pon a disposición un autobús que unirá ámbolos concellos. Será preciso poñerse en contacto no teléfono 689686924.

A edil quixo agradecer este tipo de iniciativas que “contribúen a mostrar, reivindicar e divulgar a figura e o legado dunha persoa que tanto aportou ao mundo da cultura dende diversas vertentes”. Puxo tamén de manifesto a amizade existente entre o xornalista e outro dos grandes referentes intelectuais da localidade: Valle-Inclán.

Doutra banda, Luis Menéndez relatou que, previamente ao acto de homenaxe que transcorrerá a finais de agosto, realizáronse outros dous: a descuberta dunha placa conmemorativa na casa onde residiu en Santiago de Compostela, así como unha conferencia no Ateneo de Madrid, do que foi directivo, a cargo da profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra de García Martí. Neste senso, enxalzou a “calidade académica fóra de serie” de Victoriano; unha figura de alta relevancia intelectual que destacou como filósofo, ensaísta, avogado, escritor e prolífico xornalista, recibindo numerosos recoñecementos alén de Galicia, nomeadamente en París e Madrid. Nesta última cidade foi directivo do Ateneo nos tempos de Menéndez Pidal, Conde de Romanones, Azaña e Valle-Inclán. Indicou tamén que foi editor das Obras completas de Rosalía de Castro e autor de numerosos traballos xornalísticos en diarios de España, Francia e Hispanoamérica, ademais de promover o primeiro Congreso de Xornalistas de Galicia celebrado en Santiago, en 1921, e ser discípulo do filósofo francés Henri Bergson.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...