O lume provocou importantes danos en Oleiros e no Camping Ría de Arousa

06 Agosto 2022

Non houbo tregua esta noite, nin para o amplo dispositivo de profesionais que combateron o lume durante a noite, nin para as persoas que residen nas proximidades das lapas que avanzaron sen control dende Cures, Boiro (o xoves a primeira hora da tarde), até A Pobra e Ribeira (Oleiros). O forte nordés foi coma todos os anos un fatal aliado para un incendio que, segundo as últimas actualizacións da Consellería de Medio Rural, xa arrasou 1.200 hectáreas de monte arborado e baixo.

A nube de fume vista dende Ribeira

Á espera de que se manteña este respiro do vento en calma (e de que vire un algo a oeste pola tarde), o parte de desfeitas semella abondo negativo: amais da dita superficie de monte destruído, foron rexistrados grandes danos no Camping Ría de Arousa (que tivo que ser desaloxado) de Oleiros e en vivendas deste núcleo ribeirense. Tamén en varios establecementos hostaleiros da Pobra. As persoas desaloxadas tiveron que pasar a noite nos pavillóns de A Fieiteira e Palmeira, uns 250 veciños de Ribeira. Amais, unha ducia de persoas da Pobra foron acubilladas na Tomada, auxiliados e atendidos por voluntarios locais da Cruz Vermella.

Os intres de meirande preocupación producíronse entre as 21.00 horas e as 3.00 da madrugada pasada, cando se produciu o desaloxo do Camping Ría de Arousa e da contorna de Balteiro (Oleiros), pola proximidade das lapas.

No lado positivo, sinalar que non foi necesario evacuar o Hospital do Barbanza, xa que o lume non entrou no bosque que o rodea. Outra nota positiva é o acougo experimentado polo forte vento do nordés que imperou estes días e que fixo que o lume fose absolutamente incontrolábel, malia o traballo por terra e por aire, cunha ducia de avións guindando auga na fronte do incendio. De feito, no parte do tempo de Meteogalicia prognostícase a entrada de néboas ao longo desta tarde e sobre todo deste domingo, feito que contribuirá a sufocar o que xa é o peor lume da tempada en Barbanza dende o de Dodro -Rianxo de hai varios anos.

No lume destes días, aínda activo, traballaron arreo, día e noite, servizos municipais de emerxencias, Protección Civil, policías locais, Garda Civil e bombeiros, complementado os recursos de Medio Rural: tres técnicos, 45 axentes forestais, 87 brigadas, 40 motobombas, catro pas, unha unidade técnica de apoio, 12 avións e nove helicópteros, aos que se sumou na última hora deste venres a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.