A Consellería de Medio Rural actualizou a primeira hora da mañá deste 8 de agosto os datos sobre os incendios forestais activos na nosa terra. No parte faise saber que o máis grave do que vai de mes, o orixinado en Cures (Boiro), permanece activo mais evoluciona de xeito favorábel e xa non ofrece risco para os núcleos de poboación, polo que foi desactivada a Situación 2. Ademais, o lume está neste intre perimetrado. Para a súa estabilización foi decisivo o traballo dos importantes medios humanos e técnicos mobilizados na Serra do Barbanza, entre os concellos de Boiro, A Pobra e Ribeira, ao que cómpre engadir unha melloría das condicións climáticas, coa viraxe do vento (que virou de nordés e oeste e trouxo néboas e brisas mariñas). Traballan no lugar 9 técnicos, 84 axentes forestais, 144 brigadistas, 80 motobombas, 8 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 15 avións e 12 helicópteros. Xa levan ardidas 2.200 hectáreas de bosque (principalmente piñeiros e eucaliptos) e monte raso.
