Medio Rural e Barbanza Arousa avalían os danos dos lumes e estudan as medidas a tomar

17 Agosto 2022

A Mancomunidade Barbanza Arousa; composta polos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira mantivo este 17 de agosto, no Consistorio boirense, unha reunión coa Consellería de Medio Rural; co obxecto de trasladar as necesidades do territorio trala vaga de lumes e medidas de prevención futuras. Participaron na xuntanza José González, conselleiro de Medio Rural; José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Xosé Lois Piñeiro, presidente da Mancomunidade e alcalde da Pobra do Caramiñal; José Ramón Romero, alcalde de Boiro; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; Mariola Sampedro, tenente alcalde de Ribeira e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.

Esta reunión levouse a cabo despois de facer traslado á Consellería dun informe de necesidades do territorio, na que tamén se incluían aportacións das Comunidades de Montes.

No seu transcurso abordáronse medidas e cuestións a levar a cabo en curto, medio e longo prazo para a rexeneración da serra trala vagas de incendios e a mellora das medidas de prevención. Tamén se están a identificar zonas con perigo de escorrentías e estudándose medidas para evitar o arrastre das cinzas coa choiva.

Na reunión participou tamén Cristina Fernández, especialista do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que nos últimos días inspeccionou, xunto con outros técnicos, o terreo afectado e que explicou os detalles da afección e as posíbeis medidas a tomar para previr a erosión no chan. Neste sentido, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral “baixa e só moderada en puntos concretos”, avaliándose a posibilidade de adoptar medidas paliativas, a maiores das que se están a executar con carácter urxente por parte de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en coordinación cos do CIF de Lourizán.

O conselleiro indicou tamén que a xuntanza serviu para avaliar as medidas a adoptar a medio e longo prazo, para o que pediu a colaboración dos concellos e da poboación en xeral coa finalidade de procurar un territorio “o máis resiliente” fronte o lume. José González avanzou ademais que en breve manterá tamén un encontro de traballo cos representantes das comunidades de montes veciñais en man común da área afectada.

Tamén lembrou que a Xunta “xa se adiantou” e “está a facer traballos nas áreas afectadas polo lume na contorna do Barbanza para evitar a escorrentía das cinzas nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeiras, ao seu paso polo municipio de Ribeira”. Os técnicos do servizo de Conservación Fluvial de Augas de Galicia desenvolveron este martes 16 de agosto as inspeccións de campo nas áreas afectadas, en coordinación cos técnicos da Consellería do Medio Rural, tras a determinación dos puntos máis afectados polos incendios co obxectivo de “iniciar os labores precisos coa maior celeridade posíbel”, sinalou, indicando tamén que a Xunta prevé actuar ao longo de “aproximadamente 2.600 metros”, nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeiras, ambas as dúas no termo municipal de Ribeira. “Trátase de actuar nestas contornas de especial sensibilidade pola proximidade dos leitos fluviais a zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que poden favorecer os arrastres das cinzas”, engadiu o conselleiro.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.