A empresa pobrense CONGALSA, referente internacional en materia de produtos do mar, vén de converterse na primeira empresa do sector, no ámbito estatal, que consegue o prestixioso selo EFQM 600, un recoñecemento concedido en España polo Club de Excelencia que salienta, enxalza e visualiza, segundo estándares internacionais, as organizacións que buscan mellorar a excelencia na súa xestión.

Ademais de ser a única empresa alimentaria do país en contar con este selo, CONGALSA é tamén a única firma de carácter industrial española en posuílo. De feito, as 17 organizacións que xa foron recoñecidas co dito selo adícanse a actividades ligadas ao sector servizos.
Na valoración final destácanse especialmente unha serie de puntos fortes da empresa da Pobra do Caramiñal, que permitiron a obtención desta acreditación de calidade. Entre eles, por exemplo, o seu funcionamento e gobernanza ou a cultura de creatividade e innovación da compañía. Tamén se puxo en valor a tecnoloxía e a
innovación aplicada para agregar valor como outra dos acenos de identidade
de Congalsa que lle axudou a conseguir o selo EFQM 600. Ademais, ponse en valor a eficiencia operativa na empresa. Finalmente, como puntos fortes da empresa a maiores dos devanditos, faise fincapé nos seus resultados estratéxicos en clara tendencia positiva e nas percepcións moi consolidadas e favorábeis que sobre a compañía teñen os seus diferentes grupos de interese.
Un proceso iniciado en 2011
O selo EFQM 600 é o resultado dun camiño iniciado en 2011, cando se orixina un período de crecemento en CONGALSA e asúmense certos cambios de organización para profundar na profesionalización da compañía. Previamente, en xullo de 2019 a empresa xa obtivera o selo EFQM 500, pero con este novo recoñecemento dáse un paso máis aló e empresa da Pobra únese ao selecto grupo de firmas de todo o territorio estatal que contan con esta exclusiva distinción.