A Pobra homenaxea ás persoas represaliadas polo franquismo e ás súas familias no Día da Galiza Mártir

17 Agosto 2022

Ao abeiro da programación impulsada dende a Administración local pobrense para a reivindicación da
memoria histórica, a localidade foi escenario de dous actos conmemorativos con motivo do Día da Galiza Mártir, neste 17 de agosto.
Acompañado de membros da corporación municipal e veciñanza, o concelleiro da Memoria Histórica, Xabier Santos (BNG), procedeu coa tradicional ofrenda floral na rúa Alexandre Bóveda, situada nas
inmediacións da casa consistorial. Na súa intervención, o edil centrouse no exposto en O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, que se presentou recentemente no municipio. Puxo así de manifesto que o asasinato de Bóveda nun día coma o de hoxe no ano 1936 foi “unha celebración macabra da sublevación militar” e que a cuestión da lingua tivo un papel importante ao non deixar exerce-la súa defensa en galego, só lle permitiron en castelán ao considerar ao primeiro coma un dialecto.
Posteriormente, a atención trasladouse aos Xardíns de Valle-Inclán, onde tivo lugar a exposición do bosquexo da escultura pola memoria histórica elaborada por Manuel Teira, quen se uniu ao acto. Xabier Santos explicou que a figura pretende “homenaxear, honrar e representar a tódalas persoas asasinadas, represaliadas, exiliadas e recluídas en campos de concentración coma o que existía na Pobra” e, deseguido, efectuou a lectura dun poema de Concha Barreiro. Pola súa parte, Manuel Teira indicou que coa escultura búscase “dignificar os sentimentos dun pobo que sufriu o atropelo da ditadura”, polo que se rende unha homenaxe á Galiza Mártir; título que abraza o concepto que tan ben definiu Castelao
nos seus álbums da Guerra Civil e que a través desta obra se pretende representar. “Darlle palabra ao silencio, que a pedra fale por si sola”, engadiu.
O material a empregar será granito do país e constará dunhas dimensións de aproximadamente 1’60 x 1’20 x 1’20 metros ao que hai que engadir a peaña de arredor de 0’25 centímetros de alto. A inauguración estímase entre finais de novembro e principios de decembro.
A programación do Mes da Galiza Mártir iniciouse xa no día 9 coa representación de A señora de Forcadela a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns, e concluirá no día 25 coa proxección do filme Reboiras.
Acción e corazón, de Alberte Mera.
Esta última cita desenvolverase no teatro cine Elma, ás 20.00 horas. A dita longametraxe leva á pantalla un retrato de Moncho Reboiras dende a vertente humana e política. A súa vida e o seu pensamento son recreados a través de entrevistas a 28 testemuñas que compartiron con el distintas etapas da súa traxectoria vital. Inclúe, ademais, filmacións históricas e revive as súas últimas horas mediante secuencias de ficción. A entrada é libre ata completa-la cabida.

Outros artigos

Palmeira acolle este sábado o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo

Este sábado 14 de decembro disputarase o Galego Absoluto no Pavillón Torres Colomer de Palmeira (Ribeira). Trátase dunha cita deportiva de primeira liña que recolle aos mellores taekwondistas da nosa comunidade e que, segundo avanza a organización, deparará aos...

+

Dous prestixiosos espectáculos de danza chegan á Pobra polo Nadal

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal organiza dous espectáculos de danza na localidade con motivo do Nadal 2024. "As artes escénicas son a pedra angular da axenda cultural da Pobra do Caramiñal nestas datas tan significativas con tanta vitalidade no noso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión