Ana Pontón reclama dende a Serra do Barbanza un cambio de modelo na loita contra os lumes

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estivo este venres 19 de agosto na nosa comarca, na compaña dos representantes da agrupación nacionalista nos concellos do Barbanza, para reclamar “un cambio de modelo na loita contra os lumes ante a vaga de incendios que está padecendo Galiza e que”, segundo recalcou nunha visita a varias zonas afectadas polo grave incendio que asolou os días pasados á Serra do Barbanza, confirma “o fracaso da política forestal do PP”.

Segundo dixo, “non podemos é ver cada verán como arden os nosos montes, botarnos as mans á cabeza e logo facer como que non pasa nada”. Seguindo este fío incidiu na necesidade de “poñer en marcha un cambio de modelo e acometer cambios estruturais” na ordenación do monte e na loita contra os lumes dado que, segundo indicou, “é evidente que un monte que está ben xestionado, ordenado e limpo non arde igual que cando o monte se abandona, convertido nun polvorín”.

Así pois, a líder nacionalista defendeu a posta en marcha dun Plan de Ordenación do Monte e Prevención de Incendios Forestais que permita “ordenar o monte, xestionalo e apostar por un monte multifuncional, porque esa é a mellor garantía na loita contra os lumes”. De igual xeito, considerou preciso “facer unha aposta moito máis forte pola prevención” o que, segundo subliñou, implica tamén “colaborar coas comunidades de montes e cos propietarios privados, pero tamén que a Xunta ten que xestionar ben os montes da súa propiedade”.

A estas medidas, sumou a necesidade de “poñer o foco na prevención” e destinar máis recursos á mesma. “Sabemos que os incendios apáganse en inverno, con prevención, prevención, prevención, e coa ordenación do noso monte”, recalcou.

Logo de manifestar todo o apoio do Bloque a todas as persoas que se viron afectadas polos incendios no Barbanza, “especialmente a aquelas que tiveron que ser desaloxadas e ás que perderon as súas casas”, Pontón quixo facer “un recoñecemento explícito a todas as persoas que traballan na loita contra o lume”. Na súa opinión, “a mellor maneira de recoñecer o seu traballo é apostar por un Servizo de Loita e Prevención de Incendios que sexa un servizo 100% público, dependente da Xunta e que traballe todo o ano”. “Ese é o compromiso que temos dende o BNG”, incidiu.

A portavoz nacional do BNG realizou estas declaracións no marco da súa visita a distintas zonas afectadas polo incendio da Serra do Barbanza, unha estadía na nosa comarca que lle serviu para avaliar uns efectos que cualificou de “devastadores”, tal e como puido comprobar en Cures (Boiro) e no Cámping Ría de Arosa 2 (en Ribeira) e, tamén posteriormente, cunha reunión coas comunidades de montes celebrada na Pobra do Caramiñal.

No contexto desta visita, ademais de urxir a chegada das axudas para paliar os danos tanto no ámbito ambiental, como no social e económico (e que, no caso de vivendas, reclamou cubrisen o 100% dos gastos de reconstrución), Pontón esixiu á Xunta que tome “todas as medidas de prevención necesarias para evitar que a cinza que está nos montes poida chegar ao mar co efecto de arrastre de posíbeis choivas porque”, segundo advertiu, “iso significaría un dobre desastre”.

De igual xeito, pediu a colaboración do Goberno galego coas comunidades de montes para recuperar o monte queimado e para apostar “por un novo modelo no que haxa rendemento económico, pero no que coidemos o noso medio natural”.