O Concello de Ribeira, a través da súa área de Cultura, e Edicións Xerais de Galicia convocan a novena edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. O obxectivo é promover, apoiar e poñer en valor a literatura en lingua galega e conmemorar a concesión do título de Cidade pola Súa Maxestade O Rei Alfonso XIII O 23 de marzo de 1906.

Nas bases explícase que poderán concorrer todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito.
A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres con espazos, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara (tipo de
letra Times New Roman, tamaño 12), debidamente grampados ou encadernados co título e pseudónimo, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a. Deberá ademais necesariamente incorporar un CD co arquivo dixital do texto en formato Word, OpenOffice ou similar.
Para a concesión do premio valorarase a técnica literaria, a calidade da escritura e a orixinalidade, entre outros aspectos.
O prazo de admisión dos orixinais comezará o 3 de xuño de 2022 e rematará o 23 de marzo de 2023 (incluído).
Os traballos remitiranse a: Concello de Ribeira, Rexistro Xeral. Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Ribeira, A Coruña, España.
Establécese un Primeiro e Único premio de 3.000,00 €, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edición Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.



