Falece un veciño de A Pobra, membro de AMBAR, nunha piscina no Grove

Un integrante da comunidade Ambar perdeu a vida esta tarde do xoves no Grove. Os feitos sucederon nun cámping situado na EP-9106, na parroquia de San Vicente do Mar. O home era un veciño de A Pobra e integrante da dita asociación comarcal de persoas con diversidade funcional. Trátase de C.F.F,  veciño da Pobra do Caramiñal, que asistía ós servizos de atención diúrna da asociación, durante unha estadía de campamento no Grove. 

Segundo informou Ambar, a hipótese que menos se baralla de cantas teñen en conta as autoridades e o persoal sanitario é a hipótese do afogamento.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás catro e vinte, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Segundo indicaban os profesionais médicos, estaban a mobilizar un helicóptero para atender á persoa. Con todo, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Desde o CIAE 112 Galicia, nada máis recibir o aviso, informouse ao Servizo Municipal de Protección Civil do Grove, ao GES de Sanxenxo, aos Bombeiros do Salnés e aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ademais, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), para atender aos achegados do home falecido.

Desde Ambar, compañeiros da persoa falecida, familias e persoas traballadoras, están moi afectadas pola perda desta persoa tan querida e que durante tanto tempo formou parte de Ambar, e están totalmente consternados por esta perda. 

A Asociación Ambar para acompañar á familia, declaran loito de tres días naturais ata este domingo, parándose os servizos da entidade.