O PP de A Pobra pide a dimisión da concelleira de cultura, pola “utilización inadecuada” da sala de exposicións do Museo Valle-Inclán

O Partido Popular de A Pobra fixo pública esta tarde unha nota na que pide a dimisión da Concelleira de Cultura de A Pobra, Patricia Lojo en relación ao que consideran “uso inadecuado e posiblemente ilegal da sala de exposicións do Museo Valle-Inclán o cal está dedicado a poñer en valor a vida e obra do escritor D. Ramón Mª do Valle-Inclán, para unhas obras que nada teñen que ver co mesmo”.

Desde o Partido Popular manifestan en primeiro lugar o agradecemento e recoñecemento a todos os artistas, en especial a D. Xaquín do Valle-Inclán Alsina e familia por ter un trato especial e singular co municipio, e benefactores que coa súa xenerosidade, tanto artística como de bens e obxectos únicos, especiais e singulares relacionados co soado escritor, contribuíron a facer deste museo dedicado a esta ilustre figura, un lugar de referencia a nivel nacional. Isto non sería posible sen a colaboración e implicación das anteriores corporacións e dos traballadores, e en especial do Director do Museo.
Por estes mesmos motivos, entenden que a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, debe pedir desculpas polo uso inadecuado e posiblemente ilegal das instalacións sen ter en conta, os acordos previos con artistas e propietarios de obras e obxectos que estaban expostos. Ademais, a día de hoxe, din, non deu ningún tipo de explicación desta pésima decisión de retirar as súas obras e/o pezas sen aviso previo/previo aviso nin consulta, e descoñecendo totalmente como foi a manipulación das mesmas.
Exemplo deste deixamento é que varias ilustracións de D. Domingo Regueira que formaban parte da exposición están apoiadas no chan dun corredor polo que transitan persoas, o que nos parece totalmente inadecuado, e que de forma fortuíta poden ser danadas por calquera persoa que pase polo seu lado.
O PP di que se tanto lle preocupa o abrir o museo a novas xeracións, como é posible que o museo estea pechado todas as tardes, como é posible que non se levaron a cabo as melloras de encintado e selaxe das pedras desde fai cinco anos, como é posible que non se realizaron melloras na cuberta para que non haxa un xardín no tellado, como é posible que non se realicen distintas exposicións sacando á luz obras que os vecin@s descoñecen, só hai que ver o deplorable estado das escalinatas da parte exterior.
Por todo o exposto esixen que a Sra. Lojo asuma as súas responsabilidades e dimita por poñer en risco a maior institución cultural do municipio o Museo Valle- Inclán. En caso de non facelo, o Alcalde debe cesala inmediatamente das súas funcións ou en caso contrario será co-responsable e cómplice do despropósito desta actuación.

Obras de Domingo Regueira no chan no Museo Valle Inclán