O Goberno reserva a Galicia case 52 millóns para a nova convocatoria de banda larga no rural

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, vén de presentar a nova convocatoria de investimentos do Executivo central en materia de conectividade rural, unha despregadura de recursos que Miñones cualificou de “aposta histórica”. Segundo lembrou, o Estado reserva 51,9 millóns de euros para levar a banda larga a territorios da nosa terra (zonas brancas) onde esta aínda non ten presenza nin existen previsións para emendar esta eiva.

Sinalou que este investimento servirá para proporcionar “conexión a Internet ultrarrápida ás vivendas e empresas de zonas illadas e remotas de Galicia para avanzar na a igualdade entre os territorios”. Isto farase a través da segunda convocatoria de axudas do Programa Único-Banda Larga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Miñones informou de que xa está aberto o prazo para que as empresas operadoras presenten as súas solicitudes e mostrou o seu convencemento de que “esta convocatoria suporá un chimpo cualitativo para Galicia de igual magnitude que a contía reservada”.

A convocatoria do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital conta con 250 millóns de euros en total e pre-asigna a cada Comunidade unha cantidade concreta en función das zonas sen cobertura identificadas nestes territorios. Os destinatarios destas axudas son as operadoras de telecomunicacións habilitadas que dispoñen até o vindeiro 19 de xullo de prazo.

Para definir as zonas, o Ministerio abriu un proceso de información pública, do que saíu un novo mapa de conectividades que empregou de base para definir a convocatoria. No caso de Galicia, as zonas candidatas son “zonas brancas”, é dicir, áreas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos.

En función destas zonas, a convocatoria de 2022 reserva 13.369.858 euros para financiar proxectos na provincia da Coruña; 12.344.085 euros para as zonas brancas da provincia de Lugo; 18.391.327 euros para executar na provincia de Ourense; e 7.846.702 euros para dotar de conectividade zonas brancas da provincia de Pontevedra.

O delegado explicou que os proxectos resultantes da primeira convocatoria xa están en execución. Con cargo a esta primeira convocatoria, o Goberno destina 19,3 millóns de euros (dun total de 30,1 millóns de euros de investimento total) para estender a cobertura de banda larga ultrarrápida en 15.815 zonas brancas de Galicia, que se identificaron en 278 concellos.

Segundo dixo, os proxectos desta primeira convocatoria deberán estar finalizados antes do remate do vindeiro ano e achegarán a fibra de velocidade ultrarrápida a 89.548 fogares e empresas que até agora non dispuñan desta posibilidade de conexión.