No Portal da Lingua e en YouTube a serie que percorre a organería galega: Corpo de vento

O pasado 9 de xuño presentouse no Pazo de San Roque, en Santiago, un novo e relevante contido para a nosa Rede: a serie documental Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos, realizado pola produtora Sirgo Torcendo ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia. Na cita participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen fixo fincapé “na necesidade de revelar e divulgar esta historia pola riqueza que posúe desde o punto de vista do patrimonio histórico empregando o galego como lingua asociada á cultura”.

Xunto ao secretario xeral estiveron presentes Belén Bermejo, directora artística e produtora executiva do proxecto, e Andrés Díaz Pazos, encargado da dirección e do guión.

Corpo de vento consta de catro capítulos sobre o mundo dos órganos, que ten como obxectivo “achegar un amplo público ás paisaxes organísticas e á historia da organería en Galicia ao tempo que contribúe a facer do galego unha lingua asociada a ámbitos que tocan a ciencia, a historia, a técnica e a arte”.

Os catro capítulos, de 20 minutos cada un aproximadamente, abordan diferentes aspectos relacionados con estes instrumentos: desde o contexto xeral do órgano en Galicia até os principais instrumentos que podemos atopar na nosa terra, facendo tamén referencia aos organistas que traballaron en Galicia e aos organeiros e a industria organeira galega ao longo da Historia.

A iniciativa conta coa colaboración do actor José Manuel Fernández Pepes e dos escritores Eva Veiga e Carlos Penela e pode visualizarse no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube de Política Lingüística.