José Miñones salientou o espírito transformador de Rianxo en materia de sustentabilidade e dixitalización

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou na mañá deste 15 de xuño o Consistorio de Rianxo, onde debullou o traballo que está a despregar o Executivo para impulsar a transformación sustentábel e tecnolóxica dos concellos. No caso de Rianxo, salientou os investimentos cuantificados nun millón de euros achegados polo Goberno para facer avanzar a “transformación verde e dixital do concello e para axudar a fixar poboación”. Miñones, a un nivel máis concreto, comprobou a renovación da iluminación e a mellora das vivendas na área de rehabilitación integral, entre outras actuacións subvencionadas polo Executivo. Na súa visita estivo acompañado polo rexedor Adolfo Muíños, e a concelleira Maria del Carmen Figueira (responsábel de Urbanismo, Desenvolvemento Local, ARI e Emrprego).

José Miñones trasladou tamén ao equipo do Goberno municipal a “oportunidade histórica” do Plan de Recuperación do Goberno e chamou a Rianxo a ser “protagonista do cambio” e continuar coa transformación para mellorar a vida dos seus habitantes. “Este Goberno aposta por que os municipios sexan unha ferramenta fundamental no desenvolvemento do noso país e na súa recuperación económica”, afirmou.

O delegado salientou tamén a achega de 800.000 euros do Goberno ao Concello para renovar 2.700 puntos de luz, mellorando a eficiencia enerxética da iluminación pública e reducindo o consumo eléctrico.

Tamén comprobou as obras realizadas en vivendas dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Rianxo, con axudas por valor de 53.000 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na última convocatoria.

No tocante á vivenda, José Miñones destacou “que os mozos que queiran residir en Rianxo poden dispor dunha axuda de ata 10.800 euros para comprar, ou do 60% da renda mensual para alugar”. A finalidade, dixo, “é garantir o acceso dos mozos a unha residencia e combater o despoboamento e favorecer a cohesión territorial e social”.

Asemade, destacou que Rianxo recibiu máis de 14.000 euros na última repartición dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, poñendo o foco no feito de que o concello estea integrado xa dentro do sistema nacional de seguimento integral de casos de violencia de xénero (Sistema VioGén).

Canto á dixitalización, comentou que o Goberno central está a promover dous proxectos para levar a banda larga de última xeración a 41 vivendas e empresas do municipio, unha iniciativa que se encadra Plan Único, co que o Goberno está a estender a conexión a Internet de alta velocidade en 278 concellos de Galicia cun investimento de 30 millóns de euros na última convocatoria.