Cultura da Deputación subvenciona con preto de 200.000 euros as entidades de cultura tradicional

A área de Cultura da Deputación da Coruña anunciou que vai subvencionar con preto de 200.000 euros as entidades de cultura tradicional. En total, beneficiaranse desta contía até 60 corais, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato de toda a provincia. Amais, o departamento que dirixe Xurxo Couto destina outros 198.691,95 euros para 15 entidades que representan os distintos sectores profesionais e amadores da cultura galega.

Compra de vestiario, instrumentos e outros materiais; cursos e obradoiros de baile e música; xuntanzas profesionais; proxectos estratéxicos de dinamización sectorial; mostras corais, festivais, certames ou concertos son algunhas das actividades das entidades beneficiarias ás que se destinarán as achegas que, en palabras de Couto, “responden á vontade de apoio á nosa cultura viva en asociacións que a promoven en todo o territorio”.

A relación de beneficiarios das subvencións está publicada do Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 7 de xuño e pode consultarse ou descargase xa nunha ligazón onde figuran as entidades de cultura tradicional e noutra onde figuran as entidades que representan os distintos sectores profesionais e amadores da cultura galega.