Andrea Varela e Aurora Rodríguez gañan o VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña

O libreto Pequenas grandezas, das alumnas do IES de Arzúa Andrea Varela e Aurora Rodríguez, é o gañador do VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero, convocado pola Deputación da Coruña.

Varela e Rodríguez, quen tiveron como titora á docente, María Esperanza Rocamonde, recibirán como galardón un curso práctico de realización de curtas no que se producirá un vídeo baseado no seu guión; ademais, outórgase un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo arzuán, vencedor tamén na edición de 2020 co guión Escondite inglés.

O xurado estivo formado por María Muíño, deputada provincial de Igualdade, en calidade de presidenta, e polas vogais Eva Ovenza, técnica de Igualdade da Deputación; María Anxos Romeo, profesora de secundaria do IES Rafael Puga Ramón; e Paula Filgueiras, técnica de servizos sociais da Deputación; actuou como secretaria Carolina Buhigas. O xurado considera que o guión gañador “incide na violencia vicaria, ten moi boa estrutura e moita capacidade de integrar ao alumnado das distintas etapas”.