Santos Oujo recibe este sábado a Medalla de Ribeira pola súa traxectoria profesional e política

Santos Oujo Bello (Ribeira, 1943) recibe este sábado 7 de maio no salón de plenos, a Medalla de Ribeira, dando cumprimento así ao acordo plenario.

Como méritos que avalan a súa traxectoria, Santos Oujo foi o primeiro enxeñeiro de Telecomunicacións en obter unha acta no Parlamento de Galicia, participando nas catro primeiras lexislaturas (por UCD de 1981 a 1985; por Coalición Galega, partido do que foi fundador, de 1985 a 1993; e polo PSdeG-PSOE de 1993 a 1996). Entre 1987 e 1990 foi conselleiro de Industria, Comercio e Turismo no tripartito presidido por Fernando González Laxe, sendo o primeiro ribeirense en alcanzar este rango na xunta).

Actualmente preside o Ateneo Valle-Inclán.

Santos Oujo, á dereita da imaxe, nunha recente presentación literaria en Ribeira

O acto, que estará presidido polo alcalde Manuel Ruiz, terá lugar ás doce do mediodía, estando a prevista a participación tamén do propio homenaxeado e do seu compañeiro como deputado no Parlamento, o ex alcalde Xosé Antonio Ventoso Mariño. Os acordes ao piano do estudante do Conservatorio, Miguel González Maceiras contribuirán a solemnizar o evento.