Proseguen na Pobra as actividades de formación viaria para a rapazada

A Policía local da Pobra do Caramiñal deu continuidade estes días ás sesións de seguridade viaria dirixidas a escolares da educación infantil do municipio; unhas xornadas que tamén serven de achegamento entre ámbalas partes.

Tralo seu paso polas unitarias do Vilariño e A Angustia, nesta semana foi a quenda da unitaria da Granxa e do Monte Carmelo, se ben en datas próximas tamén se efectuará na E.E.I. Fernández Varela.

Durante estas visitas ensínaselles aos nenos e nenas aspectos básicos de seguridade viaria: como proceder a cruzar os pasos peonís, transitar a vía pública, a importancia de empregar os elementos de seguridade segundo as circunstancias ou ter cautela na contorna dos centros educativos á hora de entrada e saída pola circulación de turismos. Todo isto explícase co apoio de material cun compoñente lúdico cedido pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Así mesmo, esta iniciativa busca, tal e como apuntan o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), e o xefe do corpo policial, José Manuel Cameán, que as crianzas coñezan as tarefas que desenvolven os e as axentes, así como os seus recursos; entre eles, os vehículos policiais.