Os festivais da provincia, convocados pola Deputación a traballar nunha xornada de sustentabilidade

A Deputación da Coruña convocou os festivais a unha xornada formativa para mellorar os impactos positivos deste tipo de eventos culturais. Celebrarase o 21 de maio coa participación de persoas expertas en accesibilidade, enerxía, residuos e patrimonio, e coa Axenda 2030 como eixo de acción. No seu marco presentarase a Guía sobre festivais e sustentabilidade‘, editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsábeis de eventos e co obxectivo de mellorar as alianzas coa administración como co-financiadora dos festivais.

A Xornada Impacto positivo: unha alianza festivais-administración abéirase á programación A cultura é un dereito. Celebrarase como dixemos o 21 de maio, impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, que explica que someteu a revisión as súas liñas de subvencións a festivais “incorporando de maneira máis clara os criterios de sustentabilidade”. A entidade provincial lazou un convite a axentes e entidades responsábeis dos eventos a ampliar a súa formación nesta xornada que se desenvolve o sábado 21 na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña en horario matinal.

A xornada está comisariada pola enxeñeira e consultora de sustentabilidade, María Baqueiro Vidal. Asesora de boa parte dos festivais galegos de música e cinema, Baqueiro é ademais promotora do Pacto Cultura Sustentábel, presentado o pasado ano. O 21 de maio a xornada contará con persoas expertas que participarán nunha mesa de ideas e posteriormente nun obradoiro para apoiar os festivais na elaboración dos seus plans de sustentabilidade.

No programa estarán Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país. A segunda parte da xornada, en formato obradoiro, estará dirixida pola comisaria María Baqueiro e Giada Calvano, co-fundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona.

A asistencia é gratuíta e a capacidade limitade. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web, onde tamén se pode consultar o programa completo.