Na Pobra as traiñeiras botaranse novamente ao mar neste 8 de maio

A Pobra do Caramiñal ten dobre cita co remo no 8 de maio organizada polo Club Remo Puebla coa
colaboración do Concello. A xornada arrancará a partir das 11.00 horas nas augas da dársena do peirao comercial. No acto de presentación estiveron a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a
técnica municipal desta área, Ana Romero; o presidente do Club Remo Puebla, Antonio do Carmo; Adrián González, remeiro da traiñeiriña absoluta masculina; e Ana Fernández e Juana Hermo, remeiras do equipo
veterano.
Dunha banda, desenvolverase a Regata Liga Norte Traiñeiriñas, que consiste nunha proba de catro longos que á súa vez é clasificatoria para o campionato territorial norte que transcorrerá na vindeira semana en
Rianxo. Estímase unha participación dunha decena de clubs da zona norte de Galicia nas categorías absoluta feminina, xuvenil masculina e absoluta masculina.
A maiores, terá lugar a Regata Liga Galega Traiñeiras Veteranas, na cal as remeiras da entidade deportiva pobrense competirán en dous longos coas de Cabo da Cruz.
A edil Genoveva Hermo aproveitou a ocasión para lles traslada-los seus parabéns ao Club Remo Puebla polo título de Campión de España acadado polos remeiros da categoría infantil masculina.
No transcurso de ámbolos eventos cumprirase o protocolo establecido por mor da COVID-19 e contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense.