En marcha na Pobra o Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero

O Concello da Pobra puxo en marcha o seu Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero, un novo fito do traballo municipal a prol da cultura emprendedora, a innovación e da igualdade. O campus, que terá a súa sede no Centro de Coworking, vén da man da Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal que dirixe Charo Varela (Nós Pobra). Desenvolverase durante o mes de xuño. Segundo fixo saber a edil, “trátase dun proxecto formativo dirixido a mulleres seguindo a metodoloxía teórico-práctica e disponse dun total de 15 prazas”. Así o adiantaron a propia Varela; a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e Fátima Rodríguez, en representación de Promove, a empresa que se encarga da asistencia técnica.

O programa divídese en dúas xornadas: no día 3, a partir das 18.00 horas, transcorrerá a parte teórica cunha xuntanza no propio espazo de traballo colaborativo; mentres que no día 4, en horario de 10.00 a 18.30 horas, terá lugar a práctica mediante visitas a empresas lideradas por mulleres e previamente identificadas pola súa boa xestión nos ámbitos económico, social e medioambiental. Estes negocios son Alma Galega, Raposiñas e En las Nubes.

“O obxectivo é crear espazos de encontro entre as asistentes e empresarias da comarca ao tempo que se dá visibilidade ás firmas seleccionadas”, fixeron saber, engadindo que trala súa participación no campus, as emprendedoras terán a oportunidade de recibir titorías para traballar o seu perfil, analizar as ideas de negocio e mesmo solicitar espazo no Coworking para traballar sobre o seu plan de empresa e a súa viabilidade”.

As mulleres interesadas en se sumaren a esta iniciativa pódense anotar ata o día 1 de xuño a través do enderezo electrónico coworking@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035.