A costa coruñesa do Barbanza e da Ría de Muros Noia volve presentar unha calidade “excelente” das súas augas para o baño, segundo o informe para a tempada 2022 que se acaba de publicar e que realiza cada ano a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Sanidade.
Así, das preto de 80 praias que se reparten por todo o litoral, desde o conccello de Rianxo na ría de Arousa, ata o costeiro de Carnota, só dous presentan un mal resultado na calidade das súas augas, o que obriga a que se manteña a prohibición para o baño.
Trátase das praias de Testal-Taramancos en Noia, e a da Virxe do Camiño, moi próxima ao núcleo urbano de Muros. En ambos os casos a prohibición prolóngase xa desde hai varios anos, cinco concretamente no caso do areal noiés e dous no muradán.
Á marxe destas dúas praias, o mapa de areais cunha calidade das súas augas excelente tingue de verde a costa barbancesa.
Por municipios, no de Ribeira os areais que presentan calidade excelente das súas augas para o baño son A Ameixida, A Corna, A Muralla, Area Secada, Balieiros, Baluarte, Castiñeiras, Catía-Castro, Coroso, A Ladeira Corrubedo, Os Mosqueiros, O Porto, O Prado, O Touro, O Vilar (centro), O Vilar (esquerda) e Río Azor.
No municipio de Boiro as praias con auga excelente son a de Barraña, Barraña- Saltiño, Carragueiros, Ladeira do Chazo, Mañóns, Piñeirón, Portomouro, Retorta e Ribeira Grande, mentres que a de Peralto, en Escarabote, ten calidade “boa” xa que continúa coa súa avaliación para logar a excelencia, para o que ten que rexistrar cinco anos consecutivos cos parámetros requiridos pola normativa.
Na Pobra do Caramiñal, as praias valoradas son a da Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Os Raposiños e en Rianxo reciben esta cualificación os areais da Torre, As Cunchas e Tanxil.
Pola súa banda, todos os areais de Porto do Son teñen calidade excelente das súas augas, sumando 17: Aguieira, Lente, Ornanda, Telleira, Vila, Area Longa, Arnela, As Furnas, Cabeiro, Coira, Espiñeirido, o Dique, Pozo, Queiruga, Río Sieira e Suigrexa.
A elas, e nesta mesma ría, súmanse as noiesas de Boa Grande e Boa Pequena, a de Broña, en Outes, e xa no concello de Muros as de Area Maior, Roca, Vouga, Area Longa, Bornalle, Lariño, Liñares, Medrón- Uía, Cabo, Espadañal, Forgareiro, o Portiño do Maio, Porto do Ancoradoiro, Parameán, Reimúndez, San Francisco e Sexial.
A listaxe de praias coas súas augas excelentes complétase no concello de Carnota cos areais da Insuela, Ardeleiro, Area Branca, Caldebarcos, Corna Becerra, Lariño, Mar de Lira, Porto Cubelo, Porto Quilmas, San mamede e San Pedro.
En total, preto de 80 praias na costa suroeste da provincia da Coruña cunha calidade excelente das súas augas para o baño, ao nivel da beleza paisaxística e natural que as rodea e que fai de toda a comarca do Barbanza e da ría de Muros-Noia uno dos puntos máis atractivos agora de toda a costa de Galicia para o visitante, tanto autóctono como foráneo.
Xa que á contorna natural que se logrou conservar en boa parte o a especulación urbanística que afectou ao resto das Rías Baixas, súmaselle o atractivo de ser unha zona que aínda non está saturada de turistas e cunha ampla oferta de roteiros e actividades vinculadas coa natureza, actividades marítimas ou o simple feito de gozar dunha gastronomía que se nutre dunhas augas excelentes, e non só para o baño.