As zonas de baño da Pobra repiten a cualificación de “excelente”

A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), detallou a clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio, reflectindo datos da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade. Segundo se fai saber, tódalas praias valoradas reciben a cualificación de “excelente” segundo o sistema de cálculo establecido na Directiva 2006/7/CE: A Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Os Raposiños.

Ademais, de xeito complementario, o Concello engadiu que está previsto que se realicen as acostumadas probas rutineiras destinadas a coñecer a calidade das augas e avaliar a súa evolución dende o día 23 de maio ao 25 de setembro deste ano; controis que están adscritos ao Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025 realizada pola Xunta a través da Consellaría da Sanidade, polo obrigado cumprimento da normativa europea.

Tódolos datos destas tempadas son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).