A Pobra envorca esforzos na inserción de persoas con diversidade funcional cun novo itinerario formativo

A Concelleira de Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal e FSC Inserta volven sumar forzas a prol da empregabilidade e a plena inclusión laboral. Fano cun itinerario formativo dirixido a persoas con diversidade funcional. Foi dado a coñecer pola concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e Mauricio Martínez e Sandra Mujico, coordinador e orientadora laboral da FSC Inserta. O programa consta de tres cursos que se impartirán nos vindeiros meses na Casa da Mocidade e que contan co co-financiamento da Fundación ONCE e do Fondo Social Europeo.

O primeiro deles será o de limpeza en instalación e equipamentos industriais, composto dun total de 110 horas lectivas, cuxa fase teórica se desenvolverá do día 30 de maio ao 22 de xuño, mentres que a práctica irá do día 23 ao 30 de xuño.

A segunda acción está vencellada ao mundo do mar e focalizarase na recepción e procesamento de peixes e mariscos, cun total de 160 horas que se repartirán da seguinte maneira: do día 1 ao 29 de xullo terá lugar o eido teórico e a parte práctica transcorrerá do día 1 ao 12 de setembro.

Finalmente a formación sobre manipulación de cargas con carretas elevadoras, traspalés e de man abranguerá o período do día 19 de setembro ao 25 de outubro, con 130 horas entre teoría e práctica.

O prazo de inscrición está aberto dende este 6 de maio.

Cada curso conta con 15 prazas e a matrícula débese formalizar mediante o teléfono de contacto 981 554 483 ou o Servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén se habilitan para solicitar información. As persoas aspirantes deberán estar en posesión do certificado de discapacidade igual ou superior a un 33% ou ter recoñecida a incapacidade por profesión habitual.