A nova plataforma España Artesana mostra o traballo de dous estaleiros e un obradoiro de xoiería da nosa comarca

Este 17 de maio presentouse en Madrid a plataforma dixital España Artesana, un servizo dixital para mostrar, difundir e reivindicar a mestría creativa en todo o territorio estatal, impulsado pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte. Por certo que España Artesana nace con notábel presenza galega: un total de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios, incluídos os estaleiros tradicionais Abeijón Hermanos (Outes) e Catoira (Rianxo), amais do taller de xoiería de Fernando Gallego (Outes).

Amais, entre estes obradoiros atópanse representantes de tres das olerías tradicionais aínda activas en Galicia: Buño (Malpica de Bergantiños) a través de Alfarería Aparicio e de Alfarería Rulo; Gundivós (Sober), a través de Rectoral de Gundivós; e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), grazas a Alfarería Agustín. Na presentación participou a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

No servizo tópanse representadas os seguintes obradoiros de oficios tradicionais da nosa terra: Campanas Ocampo (Caldas de Reis), o cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) –Premio Artesanía de Galicia 2021– a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), o Obradoiro de Gaitas Seivane, galardoado co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2021 e co Premio Nacional de Artesanía 2013, o obradoiro de elaboración de zocos Eferro (Vila de Cruces) –Premio Nacional de Artesanía 2019– ou as carpinterías de ribeira Astilleros Abeijón Hermanos (Outes), Astilleros Catoira (Rianxo) e Astilleros Fra (Cervo).

No eido da cerámica están representados Ojea Studio (Vigo), cuxa titular, Paula Ojea, participou na presentación celebrada en Madrid; Ana Tenorio do obradoiro Witchneeds (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2018; e Cerámica Unzueta (Brión). En canto á madeira inclúense os obradoiros Woodworks Buschmann (Corcubión), Premio Artesanía de Galicia 2019; Xar Arte Madera (Vigo) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). Tamén están presentes os obradoiros especializados en xoiería e ourivería de Fernando Gallego (Outes) e os composteláns Susi Gesto; Katuxa Platero; Noroeste Obradoiro, Premio Artesanía de Galicia 2016 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021; e Xoiería Ricardo, Premio Traxectoria 2020.

Completan a plataforma a día de hoxe os obradoiros Anaquiños de Papel (A Coruña), gañador da Bolsa Eloy Gesto 2018; Boina Galega (Santiago de Compostela); o obradoiro de coitelos de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada); o de téxtil de Inés RIR&Co (Allariz), gañadora do I Certame de Materiais Innovadores 2022; as esculturas téxtiles de Mercedes Vicente (Brión), finalista do Loewe Crafts Prize 2018; o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) e os obxectos de corda de algodón de Degerónimo (Santiago de Compostela).

O obxectivo da plataforma España Artesana é “achegar a artesanía aos novos públicos dixitais, tanto nacionais coma internacionais”, “dar visibilidade aos profesionais, así como aos seus oficios”, e “difundir o produto artesán contemporáneo a través da súa plataforma de ecommerce, na que se ofrecerán unha escolma de pezas únicas tanto pola súa creatividade e deseño como pola calidade e a mestría da súa manufactura”.