A cuberta da Lonxa de Muros levará un investimento de máis de 380.000 euros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, prevé investir máis de 380.000 euros na renovación e acondicionamento da cuberta do edificio da lonxa do municipio coruñés de Muros. Así o trasladou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, quen visitou a vila este mércores 4 de maio.

Lenguas presentou á confraría, ao Concello de Muros e a representantes do sector profesional o proxecto xa redactado que se vai tramitar para sacar a licitación nos vindeiros meses. O obxectivo desta actuación, dixo, “pasa por mellorar as condicións de illamento e estanquidade do edificio”. Para iso, as obras previstas inclúen a substitución integral da cuberta de dúas augas por panel de dúas chapas de aceiro así como a renovación da cuberta plana nas zonas restantes. Ademais instalaranse novos canlóns para as pluviais e retiraranse as reixas existentes ata o momento. Finalmente realizarase unha mellora do alumeado a través de lámpadas de tecnoloxía LED.

Esta actuación enmárcase nunha liña de acción global que está a desenvolver Portos de Galicia nos edificios de traballo dos portos autonómicos.