A creatividade máis comprometida e solidaria será a protagonista de DiversidArte, este sábado en Santo Isidro de Posmarcos (A Pobra)

O Concello da Pobra presentou os detalles dun destacado proxecto local de arte activista, comprometida, solidaria, inclusiva e antibelicista: o certame DiversidadArte no Rural, xestionado pola Asociación Ponte100mos. A cita será este sábado 28 de maio e arrincará a partir das 19.00 horas, na pista deportiva da parroquia de Santo Isidro de Posmarcos (en caso de chuvia trasladaranse as actividades ao Teatro Cine Elma). Os ingredientes principais do evento serán a música, a danza e o teatro. A entrada é libre.

En concreto, a programación consta dunha exhibición de danza, A guerrilla da concordia, e unha performance sobre a guerra, O meu amigo José, da man do Grupo de Teatro do CAD; mentres que o eido musical correrá a cargo de Ensamble Superarte do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, cun variado repertorio composto por unha ducia de cancións.

Este festival artístico puramente inclusivo tamén terá unha vertente solidaria ao recadar fondos a favor da Ucraína, pois habilitarase unha urna onde as persoas asistentes poidan facer o donativo económico que consideren.

A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), acompañada da directora do CAD, Julia Rial, manifestou que “é todo un honor presentar este tipo de festivais” e “que mellor que unir solidariedade coa arte.”

Segundo dixeron, o proxecto é “un soporte creado para a promoción, produción e difusión da arte onde as súas principais protagonistas son as persoas con diversidade intelectual, física, psíquica e sensorial, xunto con outros colectivos en situación ou en risco de exclusión, con actividades que fomentan as sinerxías e a súa propia inclusión como artistas dentro da sociedade e que van máis alá da contorna urbana”.

Organiza a Asociación Poten100mos, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal e co financiamento da Deputación da Coruña.