A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), deu continuidade ao seu proxecto de sustentabilidade e impulso á autocompostaxe en vivendas unifamiliares, un proxecto que a pasada tempada deu como resultado a distribución de 110 colectores.
A nova actividade de reparto saldouse coa entrega de dúas novas ducias de composteiros individuais entre as veciñas e veciños participantes no programa. Foi este venres 29 de abril no Teatro Cine Elma, onde as destinatarias e destinatarios recibiron tamén material divulgativo e participaron nunha charla formativa a cargo dun biólogo ambiental de Ventos Estudos Ambientais, quen asumirá o seguimento do proceso da compostaxe en cada un dos domicilios participantes.

Previamente estableceuse un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán para aclarar dúbidas da veciñanza nesta materia.
O Concello indicou que “aínda quedan colectores á disposición da cicadanía, polo cal as persoas interesadas en se sumaren ao proxecto poden formalizar a súa solicitude a través do rexistro, preferentemente o telemático”. O documento tamén está ao dispor en www.apobra.gal.
A adquisición desta terceira remesa está financiada cunha subvención de 13.630’63 euros da cal resultou beneficiaria a Administración local, ao abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2020 (PIMA e Pemar), que coas liñas de compostaxe pretende reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan estatal marco de xestión de residuos (Pemar).