Cultura de Ribeira cambia a localización do contocontos do Día do Libro ante a demanda de reservas

A Concellería de Educación de Ribeira, “dado o alto número de persoas que se están a inscribir na sesión contacontos que se celebrará este sábado 23 co gallo do Día do Libro”, decidiu mudar a localización da actividade ao Auditorio Municipal, en troques do espazo orixinalmente elixido, o Centro Cultural Lustres Rivas.

Mantense a hora (12 do mediodía). Cómpre lembrar que a función titúlase O tranvía Leonardo, de Fantoches Baj, e é un espectáculo de narración oral para nenas e nenos con marionetas e música no que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galicia.

Ao final da función agasallarase cun recortable a cada asistente para que poida xogar e cantar con el na casa. Ademais, regalarase un libro a cada participante.

Reservas

A xente interesada pode reservar os seus asentos enviando un correo cos nomes e apelidos dos participantes e un teléfono de contacto a normalización@ribeira.gal.