Alumnas e alumnos do CEP Pilar Maestú Sierra visitan a exposición itinerante da Casa de Rosalía que chegou á Pobra

O alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal visitaba hoxe a exposición itinerante A Casa de Galicia, 50 anos da Casa de Rosalía; comisariada por Pepe Barro, que permanecerá na praza do Emigrante da Pobra até mañá, 5 de abril. Máis polo miúdo, hoxe achegábanse un total de 27 estudantes de 5° e 6° de Primaria do referido centro educativo, quen seguiron a explicación que lles fixo a normalizadora lingüística do Concello, Paula Alexandre.

A xeito de curiosidade, engadir que esta visita de hoxe serviralles aos alumnos e alumnas de aproximación á figura de Rosalía, pois o alumnado do CEP Pilar Maestú ten prevista unha saída para coñecer a Casa da Matanza rosaliana de Padrón en datas próximas.

Volvendo á actividade de hoxe, dicir que está organizada pola Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG), mediante a cal se lles achega ás crianzas a historia da Casa Museo e a vida de Rosalía de Castro nesta edificación.

A mostra atópase estruturada en seis capítulos: A Casa e o tren; Rosalía na Casa; Unha Casa para Ela; A causa da Casa; O Padroado da Casa e Toda Galicia con Ela. No último dos capítulos afóndase na participación de numerosas persoas e entidades para converter en todo un símbolo o lugar onde Rosalía pasou os últimos anos da súa vida; entre elas, A Pobra do Caramiñal, que, en 1975, fixo unha achega económica de 5.000 pesetas.