A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG) deu a coñecer os detalles dun proxecto para achegar os contidos dixitais en galego á nenez e á mocidade, poñendo o foco nas nosas letras. Trátase de A literatura galega nas súas voces, unha iniciativa impulsada dende a asociación que contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Na presentación, celebrada no Pazo de San Roque (Santiago) este 5 de abril, participaron Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e máis Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

En total, a iniciativa ofrece 100 pezas audiovisuais de menos de 15 minutos de duración cada unha en que escritoras e escritores das nosas letras len fragmentos significativos das súas obras. O obxectivo é que estas lecturas e estes fragmentos constitúan “un documento valioso que resuma a súa obra e, á súa vez, ofreza valoracións das ditas personalidades sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral”.
A listaxe de reprodución dos vídeos, ordenados por orde alfabética segundo o nome do persoeiro ou persoeira, irase vendo esta tempada no Portal da Lingua Galega e na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A serie comezou cunha contribución audiovisual protagonizada por Antón Reixa.