A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, estivo este mércores 16 na Pobra comprobando os traballos de mellora portuaria impulsados dende o seu departamento. En concreto, verificou os avances no proxecto para substituír o pavimento dos peiraos flotantes por madeira tecnolóxica, ao que se suman o subministro de novos fingers para ampliar o tamaño das prazas de amarre. Fíxoo na compaña do alcalde, Xosé Lois Piñeiro. A presidenta de Portos lembrou que a entidade investiu 940.000 euros nas obras de renovación e mellora dos pantaláns para profesionais do porto da Pobra do Caramiñal.

Segundo dixo, esta actuación enmárcase nun contrato conxunto para os portos da Pobra, Rianxo e Sada, por importe de 2 millóns de euros. O obxecto das obras proxectadas é “a modernización das instalacións aboiantes mellorando a seguridade e accesibilidade ás embarcacións, ademais de optimizar a utilización das augas abrigadas”.
Polo que respecta ao porto da Pobra do Caramiñal, actualmente estase procedendo á renovación integral do pavimento dos pantaláns pesqueiros e mexilloeiros e da pasarela, substituíndo o existente por outro de madeira tecnolóxica, de maior duración e resistencia. Os traballos suporán deixar habilitadas arredor de 180 prazas de amarre trala instalación de fingers de maior tamaño co obxectivo de crear prazas de maiores dimensións, “máis axeitadas para a frota que opera actualmente nestas instalacións”, sinalou Lenguas, engadindo que as as obras previstas inclúen tamén a retirada do tren de fondeos, saneamento dos pilotes e subministro de escaleiras abatíbeis e balizas para a punta dos peiraos flotantes. Finalmente dotarase aos pantaláns de sistema de apertura por móbil e poranse en funcionamento as torretas de auga e enerxía eléctrica.
Máis de 200.000 euros en Rianxo
Durante a súa visita á Pobra do Caramiñal, a presidenta de Portos de Galicia informou tamén da evolución dos traballos no porto de Rianxo. Neste caso, dixo, as obras están tamén en execución cun orzamento de 200.000 euros. Segundo explicou, a actuación pasa por “ampliar lixeiramente os peiraos flotantes pesqueiros para a instalación de máis de 70 novos fingers habilitando arredor de 150 prazas e eliminando o tren de fondeo”.
Ademais renovarase integralmente o pavimento aplicando madeira tecnolóxica nos pantaláns e na pasarela, instalaranse escaleiras abatibles e unha baliza ao final da estrutura así como un sistema de apertura das portas co móbil. Finalmente limparanse os flotadores e sanearanse os pilotes.