O portal en inglés da literatura galega enriquécese con cinco novos autores

A Consellería de Cultura e Educación vén de incorporar cinco novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés que ten como obxectivo principal “dar a coñecer no exterior os escritores da literatura galega”, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.

Así se acordou na reunión mantida entre o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o coordinador do proxecto, Jonathan Dune, para renovar o catálogo. Deste xeito, incorpóranse Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura; Santiago Lopo, Premio Xerais e Premio García Barros; Lito Vila Baleato, Premio Frei Martín Sarmiento; Luísa Villalta, Premio Espiral Maior, e An Alfaya, Premio Jules Verne.

Coa incorporación dos cinco novos autores de literatura contemporánea ao Portico of Galician Literature son xa medio cento os autores galegos incluídos. Trátase de Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Anxo Angueira, Xurxo Borrazás, Begoña Caamaño, Marcos Calveiro, Marica Campo, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Cid Cabido, Fernando M. Cimadevila, Alfredo Conde, Ledicia Costas, Berta Dávila, Xabier P. DoCampo ou Pedro Feijoo.

Tamén está dispoñíbel a obra de autores como Miguel Anxo Fernández, Agustín Fernández Paz, Elena Gallego Abad, Camilo Gonsar, Xabier López López, Inma López Silva, Antón Lopo, Manuel Lourenzo González, Andrea Maceiras, Marina Mayoral, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Monteagudo, Teresa Moure, Miguel-Anxo Murado, Xosé Neira Vilas, Emma Pedreira, Xavier Queipo, María Xosé Queizán, Anxo Rei Ballesteros, María Reimóndez, Manuel Rivas, Antón Riveiro Coello, Susana Sanches Arins, María Solar, Anxos Sumai, Abel Tomé, Suso de Toro, Rexina Vega, Domingo Villar e Iolanda Zúñiga.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo

De Estados Unidos á India

A páxina web do catálogo Portico of Galician Literatureten, desde a súa posta en marcha en 2012, 17.544 usuarios novos procedentes de 131 países, sendo os que achegan máis visitas Estados Unidos, Reino Unido, España, Corea do Sur, Brasil, Francia, Irlanda, Canadá e India. Tamén se recibiron consultas de países como Eslovenia, Nepal, Kenia, Macedonia do Norte, O Salvador, Islandia, Finlandia.

Lorenzo explicou que o portal serve “para dar a coñecer o mellor da literatura galega contemporánea e como punto de referencia nas feiras internacionais”, ofrecendo “unha listaxe de todos os títulos da literatura galega que saíron editados en inglés, con ligazóns ás páxinas web das editoriais”. Asemade conta cunha breve historia da literatura galega e información sobre dereitos de autor e axudas á tradución.