O BNG de Outes critica que se leven a pleno uns orzamentos que ao seu xuízo non son xustos nin equitativos

O BNG de Outes, a través da súa voceira municipal María Xosé Suárez Castro, vén de compartir a súa postura respecto da proposta do Goberno de Compromiso Outes para os orzamentos do ano vixente. Son, sinalan, uns orzamentos que chegan por sorpresa para ser aprobados en pleno e que “dende o BNG nin son xustos nin equitativos, nin presentan liñas de actuación claras para investir os cartos de todas as veciñas e veciños de Outes”. Dende a agrupación nacionalista sinalan que os investimentos estaban a ser obxecto de diálogo entre os grupos locais ao longo destes meses, precisamente co obxecto de garantir “que fosen xustos e equitativos”. Porén, critican que o Goberno rompese o diálogo para levar os orzamentos a pleno.