A Xunta lembra aos cidadáns a importancia de avisar ao teléfono 012 da presenza de niños de vespa velutina ante o aumento da súa actividade nesta época do ano

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe aos equipos da empresa pública Seaga que se encargarán este ano da retirada de niños de vespa velutina no marco do Plan centralizado de retirada de niños desta especie acordado en 2020 entre a Xunta e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). No encontro, lembrou a importancia de que a cidadanía contacte co Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 cando se detecte un niño de vespa asiática tendo en conta que nesta época do ano comeza o aumento da súa actividade.

En 2021, no segundo ano en vigor deste plan, os efectivos de Seaga encargados desta encomenda nos 300 concellos galegos adheridos eliminaron case 18.000 niños. Neste ano -segundo apuntou Natalia Prieto- actuarán en 306 concellos, 6 máis que o ano pasado e 21 máis que os 285 de 2020, acadando xa ao 98% dos municipios da comunidade.

A Xunta continuará a dotar ao equipo de intervención dos medios materiais necesarios para realizar o traballo con tódalas garantías e poder ser máis eficientes. Así, entre o seu equipamento contan con marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono lixeiras e fácil de usar e bombas de batería para a impulsión de biocida, que facilitan e axilizan o traballo de neutralización dos niños.

Ao igual que en anos anteriores, desde a alerta recibida no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, o prazo medio para a súa retirada é de 5 días hábiles, se ben pode ser maior en casos onde os niños son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios. Cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos son derivados aos servizos a través do 112.

Neste ano, o Goberno galego está a traballar na implantación de novas funcionalidades aproveitando o papel das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto cos cidadáns complementarias ás chamadas. Xa o ano pasado se contactou por SMS coas persoas que comunicaron o aviso para informarlles da resolución cun total de 21.836 mensaxes enviadas, ademais de integrar no servizo de comunicación de resolución de avisos SMS a nova aplicación Controlvelutina.

A través desta APP, os efectivos de Seaga xestionan os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final. Ademais, integrouse cos servizos de emerxencia do 112 co obxectivo de derivar automaticamente os avisos máis urxentes para activar os medios de retirada desde o 112.

A renovación da encomenda permite que se continúe a ofrecer unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños de vespa velutina ao longo deste ano. Deste xeito, a Xunta traballa de forma coordinada cos concellos co obxectivo de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que lles ocasiona a súa presenza aos cidadáns despois de redobrar en 2020 os esforzos e actuar de forma centralizada.

Balance de 2021

En canto ao balance do ano pasado, dos case 18.000 niños eliminados ou neutralizados, Natalia Prieto concretou que, por provincias, destaca Pontevedra con 7.575, seguida de A Coruña con 6.417, mentres que en Lugo e Ourense se retiraron 2.166 e 1.699 niños respectivamente. Ao total dos niños retirados súmanse outros 3.363 que eran inactivos, 3.735 casos nos que non procedeu actuar por tratarse doutras especies diferentes de vespa velutina ou por non poder visualizarse de forma directa, e outros 1.400 por ser avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns da zona.

A cifra máis elevada de chamadas ao longo de 2021 rexistrouse no pasado mes de agosto con 6.300. Por iso, entre os meses de xullo e outubro do ano pasado se reforzou a liña específica do teléfono para estender a súa cobertura a todos os días da semana dende as 08,00 ás 20,00 horas, coincidindo coa época de maior actividade, mentres que o resto do ano estivo activa de luns a venres tamén nese horario e os sábados de 08,00 a 17,30 horas.

Os máis de 27.200 avisos totais rexistrados en 2021 supoñen un 16% menos que o exercicio anterior debido, por unha parte, ás labores de trampeo realizadas polos apicultores ao comezo da pasada primavera que en 2020 non se puideran levar a cabo debido ao confinamento derivado da pandemia do coronavirus e que son imprescindibles para a captura das raíñas e para impedir a formación de milleiros de niños. Tamén as malas condicións climatolóxicas, con frío e chuvias, limitaron a extensión da velutina durante o verán pasado.