A Pobra despediu o Entroido esta primeira fin de semana. Fíxoo con música, actividades festeiras tradicionais e máis a entrega de premios aos disfraces máis destacados, creativos e divertidos.

Para o 5 de marzo artelláronse dúas propostas: a Discomóbil Chocolate, que animou a contorna da praza do Emigrante durante a noite e, ademais, o enterro do Felipiño do Maño, cunha comitiva que saíu dende o campo de Cabío para percorrer as diferentes rúas da dita parroquia e, posteriormente, proseguir por distintos lugares do centro urbano da localidade onde, pasada a medianoite, procedeuse á incineración do boneco na rampla do peirao, a carón da praia dos Areos.

No día seguinte, 6 de marzo, fíxose a entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso do día 26 de febreiro, destinado a maiores de 13 anos. Ademais, a charanga Oito nun Piso levou a música ás rúas da vila, mentres que o Cantón da Leña albergou xogos populares con Troskita.
Na categoría individual/parellas, o primeiro premio, dotado con 125 euros, foi parar a La vuelta al mundo de Willy Fog; o segundo a Aí vén o home do saco (100 euros); o terceiro a Predator (75 euros); o cuarto a Atún claro en aceite (50 euros); e o quinto a Milú (creación propia) (25 euros). Doutra banda, na modalidade grupal, Carmela y compañía acadou o primeiro galardón, cunha contía asignada de 200 euros; A tribu, o segundo (150 euros); o terceiro (100 euros) quedou sen adxudicar por non ir recoller o premio, tal e como se establecía nas bases; Steampunk, o cuarto (75 euros); e Los jipis, o quinto (50 euros).

O Concello lembra ademais que para o día 27 de febreiro dispúxose unha festa infantil que tamén contaba cun certame no cal podían participar todas aquelas crianzas con idades inferiores aos 12 anos. Neste caso, as distincións xa foron entregadas nese mesmo día e a primeira recaeu en O peluchiño (con 150 euros); a segunda en A árbore (125 euros); a terceira en O poliño (con 100 euros); a cuarta en Taller de costura (con 75 euros); e a quinta en As Tanxugueiras (con 50 euros).
O Concello repartiu 1.450 euros en premios que recoñeceron a creatividade da veciñanza á hora de confeccionar os seus disfraces.