Un xulgado de Vigo obriga ao dono dunha cadela a cumprir o acordo de entregarlla á súa esposa as fins de semana

O Xulgado de Primeira Instancia número 12 de Vigo, especializado en Familia, require ao dono dunha cadela para que cumpra de forma inmediata o acordo ao que chegou coa súa esposa, aprobado en abril de 2021 por un auto xudicial, segundo o cal a mascota estaría con ela os mesmos fins de semana co fillo en común de ambos. A cadela, segundo ese acordo, sería recollida ás 17 horas dos venres no domicilio do seu marido, onde debía ser entregada o domingo ás 22 horas. No auto, a maxistrada considera que resultou acreditado “o incumprimento reiterado e inxustificado do pactado no convenio en relación coas estancias da mascota da familia coa esposa, xa que, como resultou acreditado na vista, esta situación de incumprimento se mantén desde hai xa un ano”.

Ademais, a xuíza salienta que “os motivos de saúde da cadela” alegados polo seu dono non xustifican que incumpra o pacto, pois, segundo os informes da veterinaria, presentaba un proceso gastrointestinal en tratamento, o cal “non impedía que fose entregada á súa esposa e que a informase debidamente da pauta alimenticia e a medicación prescrita pola veterinaria”. A xuíza recalca que non se acreditou “ningunha situación de neglixencia ou falta de coidado por parte da esposa cara á cadela que prexudique o benestar e a protección do animal”.

O feito de devolvela un día mollada porque chovía, segundo a resolución, “non supón un comportamento neglixente nin consta que fose a causa das molestias  gastrointestinais que presentaba a cadela e que motivaron as visitas ao veterinario”. A maxistrada entende que non resulta “de ningún modo xustificable” que desde aquela data “a esposa e o fillo común non puidesen gozar xuntos da compañía da mascota, tal e como se pactou polas partes no convenio regulador das medidas provisionais”.