Antón Luaces.- Cando as autoridades canadenses deron por rematado o operativo de rescate dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio en Terranova do conxelador marinense “Villa de Pitanxo”, as condición climatolóxicas e de mar eran absolutamente adversas: vento de 56 quilómetros, temperatura do mar 4º, a temperatura xeral a 8º baixo cero, ondas de 7 metros de altura e, entre os participantes na busca, a seguridade de que xa é imposible atopar sobreviventes porque a ninguén lle deu tempo a poñerse a roupa de sobrevivencia que os podería manter vivos durante unha poucas, mínimas, horas dada a frialdade das augas mariñas.
Nestas circunstancias é normal que se suspendan as tarefas de busca, máxime cando existe o convencemento de que, como dixo a “Europa Azul” o ex patrón do pesqueiro afundido, Jesús Valladares Rodríguez, “os corpos dos que están no mar sen chaleque salvavidas tenden a irse ao fondo”. Sendo así, só unha casualidade pode permitir a súa localización. Tamén se baralla a posibilidade de que algúns dos mariñeiros desaparecidos estean no interior do “Villa de Pitanxo” porque non lles dera tempo a abandonar o buque. Unha vez que se localice este e, en función da profundidade na que se atope, podería habilitarse un robot que accederá a partes dese interior do conxelador para, no caso de localizar a algún mariñeiro, tentar recuperalo. É, en definitiva, a única esperanza que, arestora, queda.
Á hora na que redacto, navega cara ao porto de St. Johns de Terranova o pesqueiro “Playa de Menduiña Dos”, cos tres sobreviventes do buque sinistrado a bordo, amais dos corpos dos seis tripulantes recuperados sen vida. Tamén van rumbo a St. Johns o pesqueiro portugués “Novo Virgem da Barca”, cun dos mariñeiros finados a bordo, e o buque canadenses que tamén tomou parte na busca de sobreviventes con dos falecidos cuxos corpos recollera durante a patrullaxe que levou a cabo.
Ao mesmo tempo, o Instituto Social da Mariña (ISM) axiliza os trámites para que as familias dos tripulantes finados ou desaparecidos no sinistro poidan recibir o asesoramento necesario e as axudas establecidas para estes casos.
A localización dos 12 desaparecidos é tarefa practicamente imposible polo feito xa explicado de que a baixísima temperatura das augas naquela zona de Terranova (250 millas da costa da illa) fai que afundan os corpos de aqueles que non teñan colocado o chaleque salvavidas. En total son 12 os desaparecidos, 9 os falecidos e 3 sobreviventes.
O “Villa de Pitanxo”, construído en 2004, ten unha eslora de 50 metros. Moi mariñeiro, nunca deu mostra de non ter unha alta estabilidade mesmo en augas tan pouco doadas para a navegación como son as de Terranova. Agora hai quen supón que unha forte ondada a popa, cadrando coa manobra de izado a bordo dunha importante copada de peixe, puido facer que o barco levantara de proa e afundira de popa en poucos minutos. Pura especulación, ata que os sobreviventes -entre estes o patrón- non dean máis novas ao respecto.
