A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo este 17 de febreiro en Rianxo para, entre outras cousas, reivindicar a consecución de infraestruturas e servizos clave para o concello como o centro de día e outros servizos sociais a disposición da veciñanza.
Na estadía en Rianxo estivo acompañada polo alcalde Adolfo Muíños, de quen destacou a política social que está a desenvolver xunto co seu equipo de Goberno. Exemplo disto, dixo, foi a batalla emprendida para contar cun centro de día, “reclamación que leva anos sobre a mesa pero que o Executivo autonómico ignora sistematicamente, mesmo despois de que o Concello teña adquirido o Pazo do Rianxiño para destinalo a tal fin cun investimento de 1,6 M€”, dixo, engadindo que o BNG vai “facer toda a presión política, social e institucional para que os veciños e veciñas de Rianxo non sexan discriminadas e teñan os servizos públicos que precisan”.

Tamén dixo que “cando o xefe do Executivo ignora as peticións do goberno municipal que preside Adolfo Muíños, non está ignorando ao BNG, está ignorando e discriminando ós veciños e ás veciñas de Rianxo que demandan un servizo imprescindíbel para as persoas maiores e as súas familias, tanto en termos de coidados como de conciliación”, explicou, tras subliñar que o resto de concellos da comarca teñen un centro de día polo que, en cambio, Rianxo leva unha década esperando”.
Pontón cualificou de “inaceptábel” que a Xunta, desde a Consellería de Política Social, “leve meses ignorando mesmo unha petición de reunión para abordar a creación desta infraestrutura, mesmo despois de que o Goberno de Muíños estivese en disposición de darlle as chaves do pazo para desenvolver un servizo longamente demandado pola veciñanza”.
A voceira do BNG tamén puxo o foco na reclamación do servizo de hospitalización a domicilio, “para que a veciñanza de Rianxo dispoña dun servizo que atende nos propios domicilios a persoas que teñen enfermidades graves, crónicas ou precisan coidados paliativos”. Segundo dixo, a proximidade co Hospital do Barbanza, en Ribeira, a menos de trinta quilómetros, fai posíbel a posta en marcha dun servizo do que, de novo, xa dispoñen os concellos da comarca como Boiro, A Pobra, Ribeira ou Porto do Son. “Lembremos que o Goberno da Xunta tiña o compromiso de que este servizos estaría funcionando en toda Galiza en 2021”, indicou Pontón.
Volvendo ao labor do Concello, salientou a aposta do alcalde Muíños polas escolas rurais, a cuxo mantemento “contribúe o municipio cun investimento de 500.000 € que permite a máis dun cento de nenos e nenas estudar cerca das súas contornas familiares sen ter que desprazarse e, ao mesmo tempo, fixa poboación nos núcleo rurais do concello”.
Pola súa parte, o alcalde dixo que o Concello ten as chaves do pazo dispostas para serlle entregadas á Xunta e poñer a edificación a súa disposición para convertelo nun centro de día, “e mesmo existe xa un anteproxecto para discutir as posibilidades das instalacións”. E engadiu: “A idea sempre foi esa: cederlle á Xunta unhas instalacións nas que fixemos un investimento, de 1,6 M€, para un concello modesto de 11.000 habitantes, cedelas sen ningún tipo de contraprestación máis aló de que chegue a bo porto a demanda da veciñanza”.
