O Día de Rosalía faise sentir nas bibliotecas, nos centros de ensino… e na Rede

A Xunta de Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro cunha ampla oferta de actividades nas bibliotecas públicas, centros de ensino e centros de Estudos Galegos que o Goberno autonómico mantén no exterior. As actividades prolongaranse máis aló do 23 de febreiro de 2022 e estarán compostas por mostras, obradoiros, espectáculos de teatro e narración oral e musical, entre outras propostas; máis a programación organizada nas bibliotecas xestionadas pola Xunta, que poden consultarse nas súas respectivas páxinas web. Boa parte do previsto tamén poderá consultarse no Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística).

Na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, terá lugar o sábado 26, ás 17:00 horas, a obra de teatro familiar Rosalía; nesa mesma xornada pero ás 12:00, a biblioteca pública Ánxel Casal acolle o contacontos Rosalía marabillosa, dirixido a cativos e cativas de tres a oito anos. A maiores, a biblioteca Ánxel Casal tamén organiza diversas propostas en liña como unha listaxe de Spotify con poemas de Rosalía musicados por diferentes artistas. Por outra banda, no centro compostelán xa se pode visitar dende a pasada semana a mostra bibliográfica infantil Poetas galegas que escriben o que senten e saben.

Pola súa banda, a Biblioteca da Xunta na Coruña Miguel González Garcés e a Biblioteca Pública de Lugo tamén teñen preparadas actividades conmemorativas. Na da Coruña, instalarase mañá unha mostra coas obras máis representativas da autora de Cantares Gallegos; a de Lugo ofrecerá o venres 25 ás 18:00 horas o espectáculo musical Cantando os Cantares, un percorrido polos Cantares Gallegos dirixido á rapazada de catro a doce anos. En Ourense levarase a cabo unha actividade conmemorativa o día 24, no marco das habituais sesións do xoves de Ven ler, cantar, recitar e xogar entre palabras, dirixida a un público de sete anos en adiante. A biblioteca Antonio Odriozola, situada en Pontevedra, réndelle homenaxe á autora galega co obradoiro creativo para adultos Rosalía: Palabra e imaxe, a cargo de Anias. Como remate, a biblioteca Juan Compañel de Vigo, instalou a mediados de mes diferentes mostras, unha para un público infantil e outra para adultos.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa un ano máis cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino para crear novos materiais ambientados en Rosalía. Tamén, os Centros de Estudos Galegos que Galicia conserva no exterior, mostraron a vontade de celebrar o novo Día de Rosalía organizando obradoiros de tradución, seminarios, roteiros ou conferencias. Todas as actividades programadas poderán consultarse na axenda do Portal da Lingua Galega.