O BNG reivindica que se avance na mellora dos dereitos laborais en Rianxo

O BNG celebrou en Rianxo un encontro informativo coa veciñanza para falar sobre a Reforma Laboral e da necesidade de constituír un grupo parlamentar galego para defender con máis forza os intereses das galegas e galegos.

O acto contou coa participación do secretario comarcal da CIG Barbanza, Xan García, que incidiu na “oportunidade perdida” para recuperar dereitos cunha nova normativa que non mantivese 90% dos aspectos máis lesivos, entre eles, a flexibilidade para o despedimento que reclamaba a patronal e a Unión Europea.

O acto, celebrado no Liceo Marítimo de Rianxo, serviu para explicar a posición da organización nacionalista na convalidación do Real Decreto-lei da Reforma Laboral. A nacionalista Mercedes Pimentel cualificou de “fraude” a votación porque o Goberno incumpriu as promesas e acordos aos que chegou con diferentes partidos políticos, incluído o Acordo de Investidura asinado co BNG.

De facto, segundo explicou, o executivo estatal conformado por PSOE e Podemos “terá que explicar por que existindo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogar a Reforma Laboral do Partido Popular, deciden ceder aos ditados da Unión Europea e contentar os intereses dos empresarios en vez de cumprir coa clase traballadora”.

“O BNG sempre foi firme na defensa dos intereses da clase traballadora galega. O Bloque votou en contra para forzar a este Goberno a negociar unha proposta que realmente permitise avanzar en dereitos” subliñou Pimentel. En todo caso, o BNG xa anuncia o rexistro dunha Proposición de Lei co obxectivo de recuperar dereitos para a clase traballadora. Para iso, comprométese “a recadar o apoio de todas as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por considerala insuficiente frente as promesas do executivo”.

Pola súa banda, Malba Arcos membro da CIG Cortizo, lembrou que a central sindical leva anos exixindo a derrogación das Reformas Laborais de PSOE, aprobada en 2010, e de PP, de 2012, co obxectivo de recuperar os dereitos que lle foron roubados á clase traballadora. “Mantense 90% dos aspectos máis lesivos da Reforma do PP e mesmo consolida a flexibilidade para o despedimento. Está claro que a esquerda española, unha vez máis, está a favor do capital” recrimina.

“Seguiremos traballando desde o sindicalismo nacionalista e de clase. Nas rúas, nos centros de traballo e mesmo a través da negociación dos convenios colectivos” comprométese

Grupo Galego: obxectivo para as vindeiras xerais
Pimentel reiterou a idea da necesidade de confiar nunha forza nitidamente galega como o Bloque que garante coa súa presenza a defensa dos intereses da Galiza. “Só é cuestión de tempo porque cada vez son máis os galegos e galegas conscientes de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses de Galiza”.