A serie documental da AS-PG sobre a nosa riqueza toponímica, no Portal da Lingua

01 Febreiro 2022

A semana pasada, o xoves 27, celebrouse o acto de presentación da serie de documentais Os nomes da nosa terra, un proxecto da Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG) apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. O obxectivo deste proxecto é “transmitir ao espectador o interese pola orixe dalgúns dos máis de dous millóns de topónimos que cobren, coma un manto de historia, a xeografía galega”. Na cita participou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quen dixo que “Galicia ten unha riqueza toponímica excepcional que cómpre difundir e coidar”. Tamén lembrou que os documentais poden verse en liña a través do Portal da Lingua.

Valentín García lembrou tamén que o tesouro patrimonial dos nosos nomes lugar é un caso único na xeografía estatal en Europa: “Pese a ocupar só un 6% do territorio do Estado, contén sobre un terzo das entidades de poboación de España, e iso só respecto á toponimia maior, pois a cifra crece ata os máis de 2 millóns de topónimos cando incluímos a coñecida como microtoponimia, que perdura fundamentalmente na memoria do pobo”.

Recordou tamén que para salvagardar este patrimonio cultural, a Xunta e a Real Academia Galega desenvolveron unha importante ferramenta online colaborativa, Galicia Nomeada. “Trátase dunha aplicación que articula toda unha plataforma para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral que leva asociada”, explicou o secretario xeral.

Pola súa banda, Vicente Feijóo, asesor na elaboración do proxecto, engadiu que neste momento Galicia Nomeada é “o proxecto máis ambicioso e importante de salvagarda do noso patrimonio inmaterial, porque non só recollemos os topónimos que humanizan cada recuncho da nosa terra e do noso mar, senón toda a tradición oral asociada a eles”. E engadiu: “Os topónimos, ao igual ca lingua, son unha valiosa herdanza cultural que nos legaron os nosos antepasados e, por tanto, temos a débeda con eles de recollela, valorala e transmitila”.

Canda Valentín García e Vicente Feijóo, tamén participou nesta presentación, que tivo lugar Pazo de San Roque, Xosé Antón Moure, director e guionista do proxecto, que asistiu tamén en representación de Patricia Varela, directora da AS-PG.

Máis de 2 millóns de nomes

A serie Os nomes da nosa terra pretende difundir, a través dun coidado formato audiovisual, os feitos e as historias que deron orixe a nomes de aldeas, parroquias, fincas ou corredoiras que compoñen algúns dos máis de dous millóns de topónimos que podemos atopar en Galicia.

Dividido en seis capítulos, cada un deles estará centrado, respectivamente, en Barcia de Mera (parroquia de Covelo, Pontevedra), A Coruña, Arteixo, Oleiros, Marzoa (parroquia de Sigüeiro, A Coruña) e o Monte Pindo (Carnota). O xornalista e condutor Fran Cañotas achega o fío condutor deste produto audiovisual.

Os capítulos, duns 10 minutos de duración, están dispoñíbeis no Portal da Lingua galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén poderán seguirse, semanalmente, nas redes sociais da lingua galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ser joven en España”. José Castro López

“Ser joven en España”. José Castro López

La mayoría de las sentencias judiciales pasan desapercibidas. Otras, sin embargo, sonmuy llamativas porque el veredicto recae sobre aspectos muy sensibles de la vida socialo familiar. Como ha ocurrido en Italia.Hace unos meses un tribunal obligó a dos hombres de 40 y...