A axenda festiva de Ribeira (e das parroquias) inclúe unha vintena de eventos

María Sampedro, concelleira de Cultura de Ribeira, presentou a axenda municipal de actividades para este Entroido 2022, unha listaxe de propostas que rolda a vintena de iniciativas e que salienta pola súa variedade e por un interese compartido en revitalizar e reivindicar a cidade de Santa Uxía, as parroquias e o tecido comercial do municipio.

A edil explicou que “dado que houbo que suspender o Festival de Murgas e Comparsas”, trala consulta realizada a entidades e asociacións que tradicionalmente participaban e que non estaban a ensaiar por mor da pandemia, optouse por ofertar novas actividades descentralizadas, por exemplo festivais infantís en Aguiño e Palmeira, espectáculos familiares en Carreira e Artes e outros. Mantense non obstante o Enterro do Felipe o mércores 2 de marzo, que este ano eríxese “nunha das propostas estrela”, sinalou a concelleira, engadindo que a figura foi realizada polos usuarios do obradoiro de carpintería da Unidade de Día da UAD capitaneados por Manolo Casais.

A axenda tamén ofrece animación musical todos os días ao ritmo das charangas O Santiaguiño de Padrón e BB+, que percorrerán as rúas e prazas da cidade en distintos horarios. Tamén é de salientar o concerto do grupo SonDaRúa titulado como o seu disco Eterno Combate (sábado 26 de febreiro ás 21.30 horas no parque García Bayón); ou o triplo concerto dos grupos locais Amores de barra, Leite con Jalletas e Os Juapos que se celebrará o luns 28 de febreiro ás 21.30 horas no paseo do Malecón.

A poboación infantil será novamente a protagonista de diversas actividades, por exemplo inchábeis, obradoiros e animación musical, que incluirán agasallos para quen vaia disfrazado e rifas para o sorteo dun obsequio sorpresa en combinación coas tres últimas cifras do Sueldazo da ONCE do domingo 6 de marzo. Estas festas terán lugar de 5 a 8 da tarde o sábado 26 en Aguiño, o martes 1 de marzo en Ribeira con desfile e entrega de diplomas, e o sábado 5 de marzo en Palmeira.

Amais, está programado o espectáculo teatral A nena que quería navegar, de Redrum, o domingo 27 de febreiro no Auditorio Municipal ás 19 horas; a exhibición de baile e obradoiros de maquillaxe a cargo da asociación Alfaia ese mesmo día ao longo da tarde no Espazo Municipal de Usos Múltiples; un contacontos a cargo de Caxoto o luns 27 de febreiro ás seis da tarde en Carreira ou o espectáculo musical de Magín Blanco o domingo 6 de marzo á mesma hora no Centro en Artes.

O luns 28 de febreiro, véspera de festivo, un tren infantil percorrerá as rúas da cidade dende as once da mañá ata as oito da tarde. Media hora despois, ás 20.30 horas, comezará o concurso de disfraces para maiores de 18 anos polos locais de hostalería participantes, convocado en colaboración coa asociación de hostaleiros e no que se repartirán 1.775 euros en premios (as bases completas deste concurso están en ribeira.gal). En colaboración coa hostalería tamén se retoma a ruta de tapas do pequeno Entroido, que nesta quinta edición se amplía a dúas xornadas e terá lugar o sábado 5 e o domingo 6 de marzo.

Axenda

-VENRES 25

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 9 da noite.

-SÁBADO 26

Festa infantil de Entroido. No Pavillón do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, de 17 a 20h.

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 21.00 horas.

Concerto de Sondarúa, no parque García Bayón a partir das 21.30 horas.

-DOMINGO 27

Entroido coa Asociación Alfaia. De 18 a 21h. No Espazo Municipal de Usos Múltiples.

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 18.00 horas.

Teatro: A nena que quería navegar, de Redrum. No Auditorio ás 19h.

-LUNS 28

Expreso do Entroido. Tren infantil que percorrerá as distintas rúas da cidade. Saída e chegada da praza do Concello, de 11 a 14 e de 17 a 20 h. Entrada de balde.

Contos de medo que deixan durmir, de Caxoto, na Casa da Cultura de Carreira, ás 18h.

Concerto triplo no Malecón (Amores de Barra + Leite con Jalletas + Os Juapos) ás 21.30.

Música na Rúa: Os Santiaguiños de Padrón a partir das 22h.

Concurso de Disfraces. De 20:30 h a 1:30 h. polos bares participantes. Organiza a Concellería de Cultura en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Ribeira.

-MARTES 1

Música na Rúa. O Santiaguiño de Padrón. A partir das 12h.

De 5 a 8 da tarde no Espazo de Usos Múltiples (rúa de Galicia), Gran Festa Infantil para os pequenos. Os cativos disfrazados recibirán lambetadas e rifas de balde para un sorteo.

-MÉRCORES 2

Enterro do Felipe. Saída do acompañamento ás 19.30, na praza do Porto (Capitanía Marítima).

-SÁBADO 5

Festa Infantil de Entroido. No Pavillón Alcalde Torres Colomer de Palmeira, de 5 a 8 da tarde.

Ruta de tapas do pequeno Entroido. Tapas a 2,50 € nos locais participantes. Amenizará a Charanga O Santiaguiño de Padrón, de 12 a 15h. Organizan Cultura e a Asociación de Hostaleiros de Ribeira.

-DOMINGO 6

Espectáculo O que levamos nas maletas, de Magin Blanco. No Centro Recreativo de Artes ás 18h.

Ruta de tapas do pequeno Entroido. De 12 a 15h. Ameniza a Charanga BB+.