O Carballo de Conxo de Santiago camiño da Árbore Europea 2022

Concello de Santiago, Xunta e Goberno únense para apoiar esta campaña que se desenvolverá ata o 28 de febreiro cunha meta: conseguir 100.000 votos.

A Xunta invitou esta mañá ao Concello de Santiago a solicitar a catalogación do Carballo do Bosque do Banquete de Conxo como árbore senlleira e que así sexa incluído no catálogo galego destes exemplares

O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo, con máis de 250 anos de antigüidade, competirá a partir de mañá na última fase do certame Árbore Europea do Ano, cuxo prazo de votación estará aberto ata o 28 de febreiro. Durante os actos que tiveron lugar esta mañá co motivo do lanzamento da candidatura, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reiterou o seu compromiso de “plantar 100.000 árbores autóctonas de aquí a 2030, 19.000 en 2022”, no caso de que se chegue ao mesmo número de votos.Tras facerse co título a nivel nacional, o Carballo compostelán iniciou hoxe a súa singradura para convertirse na Árbore Europea do Ano, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; da presidenta da Asociación Bosques sen Fronteiras, Susana Domínguez; do director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, Jorge Luís Marquínez; así como coa concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; a voceira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; a concelleira do grupo municipal popular María Castelao e representantes de asociacións veciñais culturais.

O acto estivo precedido pola plantación de 300 carballos no Miradoiro do Monte de Conxo, tarefa na que se afanaron os alumanos e alumnas do Colexio Santa Apolonia.

“Nestes tempos de crise global da biodiversidade, a resistencia desta árbore ao paso do tempo é á vez un excelente exemplo e unha responsabilidade para as próximas xeracións. Ademais, a súa presenza na obra literaria de Rosalía de Castro e na memoria colectiva dos composteláns, así como a súa condición de testemuña, durante máis de dous séculos, do paso dos peregrinos a Santiago a través do Camiño Portugués, fan que este carballo centenario sexa unha árbore singular e un excelente candidato para representar a España a nivel europeo”, declarou o alcalde de Santiago, D. Xosé Antonio Sánchez Bugallo.

O rexedor pediu a “implicación de toda a ciudadanía” para votar a partir de mañá e ao longo de todo o mes de febrero a través da web Tree of the Year e lograr que “O avó” se impoña aos outros exemplares simbólicos procedentes dun total de 16 países europeos que competirán neste concurso organizado por Bosques sen Fronteiras coa colaboración do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, FSC España e a Fundación Feuvert. Xosé S. Bugallo reiterou o compromiso do Concello co lema da campaña, “1 voto, 1 árbore”, que ten por obxectivo acadar os 100.000 votos, o que se traduciría na plantación do mesmo número de especies autóctonas de aquí ao 2030, e “uns 19.000 en 2022”.

Ademais, o rexedor lembrou que “temos por diante catro semanas moi intensas” nas que o Concello porá en marcha toda una serie de iniciativas ao redor do noso patrimonio natural para acompañar ao carballo compostelán no seu periplo europeo.

Durante o evento, Susana Domínguez, presidenta de Bosques Sen Fronteiras, a asociación promotora do concurso en España, explicou que “esta árbore é un símbolo e un referente histórico da importancia que tiveron as árbores e, sobre todo os carballos en Galicia, e por iso merece o noso respecto e proclamación como Árbore do Ano 2022”.

Na mesma liña, o director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do MITECO, Jorge Luís Marquínez, salientou que “o Ministerio apoia esta iniciativa para poñer en valor estes impresionantes exemplares, expoñentes moi destacados da nosa biodiversidade e a nosa historia, e ademais un destacado representante das carballeiras, os bosques nativos máis representativos de Galicia, que debemos facer esforzos para protexer e recuperar”.

Gonzalo Anguita, director executivo de FSC España, destacou a importancia desta árbore monumental e singular dentro dos altos valores de conservación que protexe o sistema de certificación FSC. “A certificación FSC de xestión forestal responsable considera os valores biolóxicos, ecolóxicos, sociais ou culturais como altos valores de conservación dentro do seu esquema de certificación, por iso garante a protección das árbores singulares como elementos fundamentais nas estruturas dos bosques pois son verdadeiros redutos de biodiversidade, ademais de ter unha gran importancia social e cultural”.

O Carballo de Conxo, un símbolo

Cunha altura de 30 metros, case 4 metros de circunferencia de tronco e unha idade de 250 anos, esta árbore atesoura a memoria histórica desta zona. Resistiu ás tallas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX, e que foron acabando con espazos como este, un bosque que en orixe chegou a albergar ata 1.000 carballos. Neste espazo de 15.000 m2 tan só queden en pé uns 40.

Foi testemuña, o 2 de marzo de 1856, do insólito e histórico Banquete Democrático de Conxo, celebrado nas súas inmediacións, un acto organizado por estudantes universitarios onde os mozos quixeron servir a mesa aos artesáns e obreiros, como un símbolo revolucionario de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa.

Ata o momento o carballo foi o máis votado nun concurso a nivel nacional, ao que se presentaron 11 exemplares máis doutras provincias. Logrou case 23.000 votos, seguido da Sabina de Brancas (Teruel) e do Drago Milenario de Icod (Tenerife).

Convenio

Na xornada de hoxe tamén foi asinado un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e Bosques sen Fronteiras para a inclusión do municipio compostelán na Rede de Municipios Amigos das árbores e co obxectivo de coidar e mellorar as zonas de árbores dentro das cidades buscando a implicación da cidadanía. Entre as principais actuacións que recolle o acordo atópase o apoio á campaña do Carballo de Conxo, plantacións de árbores autóctona, xornadas divulgativas e técnicas ou a reforestación de zonas e parcelas municipais, entre outras.

Reis do Bosque

Ademáis tamén tivo lugar esta mañá a inauguración da exposición “Reis do Bosque”, que poderá visitarse do 1 ao 28 de febreiro na sede de Afundación, na praza de Cervantes, e que compila fotografías de 30 árbores senlleiras de toda España entre as que se atopa o propio Carballo de Conxo.

Con esta mostra, os seus autores, Susana Domínguez Lerena e Ezequiel Martínez Rodríguez, pretenden render unha homenaxe a estes seres vexetais, recollendo as súas mellores imaxes nunha sinxela exposición na que predomina a beleza cromática das fotografías e o sentido poético que teñen estes exemplares.

Ao redor desta exposición programaranse unha serie de xornadas, charlas e obradoiros monográficos así como visitas destinadas específicamente aos centros educativos.

Actividades para centros educativos

Coincidindo con esta última fase do certame da Árbore Europea do 2022, que se extenderá ao longo de todo o mes de febrero, o Concello pon a disposición do alumnado de primaria e da ESO unha serie de actividades ao aire libre para reforzar o coñecemento do medio e do patrimonio.

Entre as actividades ofertadas aos centros, destacan as visitas á Carballeira do Banquete Conxo, a participación activa na plantación de carballos así como visita guiadas á exposición “Reis do bosque”, que permitirá aos máis mozos achegarse ao mundo das árbores dun xeito ameno e práctico.