A axencia autonómica GAIN vai colaborar con Utingal nun innovador proxecto para introducir a máxima sustentabilidade na tecnoloxía aeronáutica, buscando dar unha segunda vida aos refugallos xerados. Concretamente, traballarán de xeito conxunto no desenvolvemento da que sería a primeira solución integral de reciclaxe de poliamidas para o seu aproveitamento en tecnoloxías avanzadas como por exemplo impresión 3D. Trátase dun dos 11 proxectos apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a Axencia Galega de Innovación destina un total de 6,4 millóns de euros. Nel tamén pon en xogo a súa experiencia Ecoplas Barbanza, a empresa da Pobra do Caramiñal centrada na fabricación de mallas extruídas destinadas ao cultivo e ao envasado de marisco.

O proxecto chámase Replay e conta co apoio de Airbus. Xunto con Utingal, participan nel outras catro empresas para dar resposta ás tres grandes áreas da proposta: química, mecánica e de automatización e control. Ademais, colaboran o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e a Universidade de Vigo, que achegarán as súas capacidades de investigación.
Nunha visita recente ás instalacións de Utingal en Tui, a directora de GAIN, Patricia Argerey, destacou a “ampla experiencia” desta empresa no ámbito aeronáutico e mecánico; así como o apoio que lle vai prestar a firma Moveratus para a programación e automatización de procesos de fabricación, e MSS Seidor, no deseño dun software para optimizar o aproveitamento da materia prima. Tamén colaboran Enso Innovation e, como dixemos, Ecoplas Barbanza.
Cun orzamento total de case 700.000 euros, que a Xunta apoia con máis de 410.000, Argerey salientou o potencial do proxecto para estenderse no mercado e achegar vantaxes para calquera ámbito da industria plástica. Ademais, dixo, “o desenvolvemento dun novo material permitirá novos usos para un subproduto que contribúe a un proceso de economía circular”.
Conecta Hubs
O programa Conecta Hubs é unha iniciativa co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e orientada a promover accións colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade e apoiados polo Goberno galego (Dihgigal e DATAlife).
Estas axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dirixidas especialmente a pemes, mobilizarán un total de 9,8 millóns de euros, ao sumar a estes apoios autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado. Ademais, foméntase a xeración e consolidación de emprego de alta cualificación, xa que na súa execución participarán 220 profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.