A Pobra acolle unha formación sobre aproveitamento sustentábel de excedentes agrarios

A Pobra do Caramiñal segue a dar pasos relevantes para converter o concello nun concello sustentábel medioambientalmente en materia de produción e distribución agraria e consumo. Neste senso, a Concellaría de Promoción Económica que dirixe Charo Varela (Nós Pobra) anunciou unha nova sesión formativa sobre o proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios na Pobra.

No 26 de xaneiro dáselle continuidade á fase formativa iniciada no último trimestre do 2021. Ofrecerase así unha nova charla informativa que abordará, nesta ocasión, as cuestións económicas no relativo á venda dos excedentes da produción agrícola a pequena escala e que está aberta a toda a cidadanía en xeral.

Baixo o título A nabiza polo que vale! Que podemos e que non podemos facer para vender os excedentes da nosa horta familiar, o relatorio será impartido por Conchi Mogo, técnica do Sindicato Labrego Galego. Transcorrerá ás 19.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

As persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou no enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.

Cómpre lembrar que entre os obxectivos do referido proxecto atópanse poñer en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomentar o consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamizar o comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomentar a actividade agraria; e promover un estilo de vida saudábel e sustentábel.