A axenda dos Reis Magos na Pobra incluíu unha manchea de actividades online e presenciais

O periplo dos Reis Magos pola nosa comarca incluíu unha axenda ateigada de actividades na Pobra do Caramiñal. A axenda comezou con videochamadas entre as Súas Maxestades e aquelas crianzas que se atopan confinadas como consecuencia da COVID-19, ou para as cales resultaba imposíbel achegarse á visita presencial.

Posteriormente, os Reis Magos pronunciaron o seu tradicional discurso dirixido a toda a veciñanza, facendo especial fincapé nos máis pequenos e pequenas da casa, para, deseguido, proceder co percorrido en vehículos polas parroquias do rural, o cal tamén se puido seguir por streaming a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, onde tamén fica pendurada a mensaxe das Súas Maxestades.

A ruta rematou na praza Alcalde Segundo Durán, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron aos nenos e nenas, de maneira controlada e ordenada, para falar con eles e que lles transmitisen os seus desexos en persoa.

Houbo, ademais, actividades dinamizadoras móbiles en distintos lugares da vila.

Tanto no desenvolvemento do itinerario coma na recepción, contouse coa colaboración da Policía local e da Protección Civil.