Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e José Ramón Romero, alcalde de Boiro, inauguraron este 16 de decembro a nova cuberta do parque infantil da céntrica praza de Galicia boirense, que conta cun sistema de iluminación solar fotovoltaica.

As obras supuxeron un investimento de 247.740 euros, financiados ao 100% polo Plan Único da Deputación e permitiron dotar á zona dunha gran cuberta tipo pérgola de 22×32 metros que servirá como abrigo tanto os pequenos que usan o parque infantil existente como da parada de transporte público contigua.
González Formoso, apuntou que “as obras responden á demanda da veciñanza de Boiro para que os cativos dispoñan dun lugar axeitado para xogar durante o inverno, así como para cubrir da choiva a parada do autobús e o acceso ao aparcamento público”, afirmou, engadindo que “esta obra é un bo exemplo de como o Plan Único é unha ferramenta útil para mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando ademais que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas prioridades e necesidades”. De feito, explicou, “aínda que a a Deputación financia os traballos, foi o Concello de Boiro o que decidiu facer esta obra, que mellora a vida dos veciños e que aposta pola eficiencia enerxética polo que é unha idea da que de seguro tomarán nota noutros municipios”.
Pola súa banda o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu o apoio da Deputación “que está sempre aí cando chamamos á súa porta, neste caso a través do Plan Único que tanto axuda aos concellos” e expresou a súa satisfacción porque os nenos e nenas de Boiro xa poderán “desfrutar deste espazo no Nadal”.
A nova estrutura está formada por pórticos de madeira laminada e conta cun peche a base de láminas de policabornato celular de 16 mm e conta con protección fronte aos raios UV para garantir o control da calor e da radiación solar emitida no interior do espazo cuberto. O espazo dispón dunha iluminación mediante tiras LED integradas nun perfil de aluminio e con cargadores USB de intemperie con resistencia ao po e a humidade. Este sistema de alumeado e cargadores USB está alimentado polo sistema de paneis solares fotovoltaico instalado na parte superior da cuberta.
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único da Deputación da Coruña financiou 2.727 obras nos 93 concellos da provincia, das que 72 foron de creación e mellora de parques públicos e infantís, nas que se investiron 7.256.444 euros.