Valentín González compromete o apoio da Deputación ao proxecto de ampliación da residencia de Amicos

16 Decembro 2021

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso visitou este 16 de decembro a sede de Amicos en Boiro, acompañado do alcalde José Ramón Romero e das deputadas de Educación e Benestar Social, Sandra González e Ana Lamas. Na súa estadía no centro de Comoxo, o presidente referendou o compromiso da entidade para levar a cabo o proxecto de ampliación da residencia para grandes dependentes da asociación, “que funciona as 24 horas, os 365 días de ano e ten unha ocupación do 100% e unha elevada demanda”, dixo.

Valentín González foi recibido na sede de Amicos pola presidenta da entidade, Esther Vidal, a vicepresidenta, Diana Iglesias e o director xeral, Xoán España, que explicaron os diferentes programas e servizos que ofrecen nos seus centros a máis de 600 persoas con diversidade funcional nunha ampla zona xeográfica que vai desde Vilagarcía ata Outes.

O presidente enxalzou na súa visita o labor de Amicos a prol da integración e a dignificación das persoas con diversidades funcionais ou cognitivas: “É para nós un orgullo visitar Amicos, unha referencia no eido da protección das discapacidades, na integración, no modo de facer as cousas, de estar ao carón das familias”. Destacou tamén que Amicos “é unha referencia en innovación social en Galicia” e representa “un modelo a seguir para o futuro das entidades sociais, polo que temos que seguir investindo e apoiándoos en todo o que poidamos no importante labor que desenvolven no eido social”.

González Formoso explicou que a residencia é un dos servizos da asociación que conta co apoio económico da Deputación, que financia con achegas de entre 15.000 e 20.000 euros cada ano o servizo para persoas en situación de emerxencia social cuxas familias non poden facerse cargo do importante custe que supón a praza, que rolda os 2.300 euros mensuais no sector privado, polo que “é imprescindíbel o apoio e o compromiso das administracións”.

A presidenta da asociación, Esther Vidal, agradeceu “a colaboración da Deputación, da que sempre tivemos apoio, agora imos recibir un vehículo e tamén a emprender outro proxecto máis, o da ampliación da residencia, para o que xa temos a licencia municipal e estamos á espera dos cartos”.

O presidente anunciou tamén a próxima entrega, a principios de 2022, dun novo vehículo de transporte adaptado para os usuarios e usuarias da entidade con sede Boiro e en Ribeira (Oleiros). “Será un dos cinco que a Deputación vén de adquirir para outras tantas entidades sociais da provincia”, dixo.

Valentín González interesouse tamén polos investimentos co-financiados pola Deputación da Coruña para a dixitalización e mellora da eficiencia enerxética nas instalacións da asociación, que incluíron a instalación de paneis de enerxía solar fotovoltaica e que durante este ano supuxeron algo máis de 50.000 euros. “Amicos será o primeiro centro social de España con cero emisións, algo medíbel e validado por AENOR o MITECO”, afirmou o director xeral da entidade, Xoán España, que sostivo que, amais de cumprir cos obxectivos ODS da Axenda 2030 e situar ao centro na vangarda estatal neste ámbito, esta aposta supón para Amicos un importante aforro económico cada ano. España afirmou que “un dos motores deste centro foi sempre a Deputación da Coruña” e agradeceu o apoio da institución provincial para os distintos programas e servizos que oferta o centro aos seus usuarios.

Outros artigos

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.